as cabazas do curso 2014-15 repartímolas por cachos, traede as sementes!
XABÓN DE CABAZA TODO ECOLÓXICO
A comezos de outono as cabazas van completando a súa maduración e hai que aproveitar os días de sol para que acaben de curar e aguanten sen podrecer.
Unha maneira de ter cabaza sempre é gardala no conxelador limpa e cortada en cubos. A receita que vén a continuación leva cabaza conxelada, aceite e sosa.
ADVERTENCIA: A sosa é un producto moi tóxico, débese manipular con moita precaución en lugares ventilados e coas mans e os ollos protexidos.
INGREDIENTES
cabaza conxelada: 228 gr ( a de cor laranxa dálle unha cor amarela intensa ao xabón)
aceite de oliva : 600 gr ( hai que pesalo, o mellor aceite de oliva que teñades)
aceite de coco: 80 gr (véndese en herboristerías e garante a boa solidificación do xabón)
aceite de sésamo, pebida de uva ou calquera outro aceite cosmético : 53gr
sosa: 97 gr
esencia de laranxa, lavanda ou calquera outro aroma que nos agrade: unhas pingas
medio vaso de auga para disolver a sosa
1. Nun recipiente de plástico botamos medio vaso de auga e a sosa. Empezará a fumegar, hai que deixar que se disolva totalmente. Se é necesario, remexer cunha culler de pau, coas mans e os ollos protexidos.
2. Engadir a cabaza conxelada e deixar que a sosa quente a vaia desconxelando aos poucos, podemos axudar remexendo coa culler de pau pero leva un tempo conseguir a completa desconxelación da cabaza.
3. Cando os tacos de cabaza se desfixeron podemos proceder a engadir os aceites: 1º o de oliva e despois o de coco, previamente derretido a baño maría.
4. Hai que remexer seguido ata que a mestura colle traza. A traza é unha marca que vai deixando a mestura cando levantamos a culler e a movemos para diante e para atrás, o aspecto que ten o preparado cando chega a traza é o dunha crema non demasiado firme.
5. Agora engadimos o aceite cosmético de sésamo ou de améndoas ou de pebida de uva. Remexemos ben.
6. Finalmente engadimos unhas pingas de aceite esencial, non demasiadas, ou un puñado de herbas aromáticas secas. Eu boteille unha vez pétalos frescos de flor de limoeiro e aromatizaron o xabón moi ben.
7. Verquemos a masa nun molde de plástico e ao cabo de 24 ou 48 horas estará sólida por completo.
8. Desmoldar e deixar curar un día antes de cortalo. Unha vez cortado debe curar nun lugar fresco e ventilado como mínimo un mes. Ata ese momento pode ser tóxico por contacto ou inhalación. Os xabóns que curaron un ano ou dous son magníficos, dan moita escuma, arrecenden e duran moitísimo.
Hai xente que se pon a facer xabón e acaba tirando con todo porque di que non lle deu saído. O proceso de saponificación é unha reacción química entre a graxa e a sosa que pode variar moito en función do tipo de graxa e da temperatura ambiente que haxa. En xeral calquera mestura de graxa, sosa e auga en proporcións adecuadas acaba saponificando. Se remexemos a man e non dá saído, collemos unha batedora e dámoslle uns minutos. Debemos coidar de non remexer de máis, porque entón córtase como a mohonesa. A batedora convén lavala ben con auga e mesmo con vinagre antes de volver darlle o uso habitual. Circula en internet a advertencia de que a batedora que usemos para facer xabón debe usarse só para iso, considero que é esaxerado. Esfregala ben debaixo da auga corrente e sumerxila unha hora en auga de vinagre borra todo rastro tóxico da sosa.
Que teñades unha boa experiencia saponaria!