domingo, 22 de xuño de 2014

EXPOCESTO. Cestería tradicional en papel de xornal. FASE FINAL














Chegamos á fase final do curso de cestería en papel de xornal. Saíron sesenta cestos do noso obradoiro e todos diferentes. Participou alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO. Xuntos conseguistes conformar este precioso mural tridimensional que pode variarse segundo a disposición dos cestos . Felicitamos a todos os participantes e invitamos a todo o alumnado do centro a probar o curso que vén. 

PARABÉNS A TODOS OS ARTISTAS DO URUGUAI!

mércores, 11 de xuño de 2014

A reciclarte!






Rebobinado videográfico do noso obradoiro de reciclaxe neste curso 2013-14. Convertemos papel de xornal en cestos de colores. Pero tamén fixemos probas con máscaras de papel. E diferentes tipos de trenzado con varas de xornal e fibras vexetais. E un par de maios, o grande con estrutura metálica e o pequeniño con estructura de papel trenzado. E unha cesta de nadal. E un cestón solidario. E reciclamos vellas camisolas para estampar nelas o noso nome tipografiado. E puxemos a enraizar as videiras para plantar unha viña no vindeiro curso na nosa horta experimental. E aprendemos a colaborar, a compartir materiais, habilidades e ideas. E tamén aprendemos a recoller e organizar. A montar e desmontar. Practicamente todo o alumnado que colaborou no obradoiro fixo como mínimo un cestiño. Houbo quen fixo dous e mesmo tres. A nosa intención para o vindeiro curso é compartir este obradoiro con outros centros educativos que estean interesados. Que necesitamos? Tempo, tempo e máis tempo, horario lectivo para despregar esta actividade tan fructífera, estimulante e satifactoria.O departamento de dinamización da lingua e cultura galegas do ROU dávos as grazas a todas e todos os que tan marabillosamente participastes na posta en marcha e consolidación deste obradoiro e deséxavos a tod@s un merecido descanso. Saúdos cesteiros! 




REFRÁNS CESTEIROS:

  1.  Quen fai un cesto fai un cento... se lle dan vimbios e tempo. ( A nós nin vimbios nos fan falta, abóndanos cunha migalla de tempo)
  2. Quen ten tempo fai un cesto.( Quen se aburre é porque quere)
  3. Rachas e máis rachas fan un cesto.(Refirese aos cestos de madeira reachada)
  4. Quen fixo o cesto que lle poña o aro. ( Ou senón que quede sen el)
  5. Quen ten oficio ten beneficio
  6. Quen non fai as cousas dunha vez fainas de dúas ou tres. (Ou catro ou cinco)
  7. Estar coma un rei nun cesto (Que nin diola)
  8. Cesta patela arromba máis que leva ( As patelas son cestas amplas todo cú para levar estibado o peixe pequeno)
  9. Do pouco vaise facendo moito, pouco a pouco. (Si, por exemplo os rulos ou rolos ou tubos de xornal, a pouco e pouco vanse xuntando para ter moitos)
  10. Non poñas todos os ovos no mesmo cesto. ( hai que diversificarse ou morrer)
  11. Máis vale poucos moitos que moitos poucos. ( parece mentira que o saber popular sexa tan profundo, pois éo)
  12. Mentrres máis somos máis valemos. (Díxolle un patacón a outro ou un rulo a outro)
  13. Mallando mallando apréndese a mallar. ( E rulando rulando apréndese a rular)
  14. A mellor mestra é a experiencia. (Que non está licenciada en ningunha universidade)
  15. Auga en cesto, amor de neno e vento de cú, todo é un. (Vaia, que non dura nada!)
  16. Tirádelle o cú á cesta e acabouse a parentela. ( Ou sexa, sen cú non hai cesto)
  17. Torto ou dereito o que está feito, está feito. (Non hai marcha atrás)
  18. Labor comezado é medio feito. (Xa o creo)
  19. Con estes vimbios non se poden facer máis que estes cestos. (Sempre se pode facer algo máis e mellor)
  20. Uns serven para vendimar e outros para sacar cestos. (Uns serven para pescar e outros para tirar a liña ao mar)
etz........





luns, 9 de xuño de 2014

Os animaliños da horta

 




Rosa Romero vólvenos agasallar cunha videomontaxe; nesta ocasión sobre os animaliños que fomos topando na horta dende que empezamos a montala. A letra da canción é moi apropiada para o tema e a música  superpegadiza.
 Sobre o simbolismo dos animais na literatura e a mitiloxía popular poderiamos engadir moita información, pero coidamos que algo haberá que deixar para o ano que vén. Velaí un aperitivo:

A serpe do Con do Encanto

Na entrada de Paradela de Lores, concello de Meaño (Pontevedra) había antigamente un pequeno con (cabezo de penedo que sobresae da auga). Nel tumbábanse a tomar o sol serpes, lagartos... etc. e un día apareceu unha serpe moi grande.
Toda a xente que pasaba por alí tiña medo e intentábana matar pero fracasaron. Unha mañá antes de saír o sol xuntouse a xente do pobo para ver se a podían coller pero atoparon unha sorpresa: enriba do con non estaba a serpe senón un mantel moi bonito. Sobre o mantel había cousas moi fermosas: tesoiras, dedais, agullas, fíos, todo de cor dourada. Ao lado, sentada, había unha sombra dunha fermosa muller.
A xente preguntoulle que facía alí, pero ela non contestou. E tan pronto lle deu o sol na cara recolleu as cousas douradas e desapareceu coma se o con a engulise. Nunca se soubo nada máis da serpe nin da sombra da muller fermosa.

[Recollido en Freixeiro, Lores, Meaño (Pontevedra), por Eduardo García Doce]


in Galicia encantada




mércores, 4 de xuño de 2014

De Cabral a Peinador máis de vinte muíños






Visitando un muíño restaurado de Cabral empezamos as saídas neste curso 2013-14. Alí falamos co señor Manolo, que non ensinou o funcionamento do muíño. Desta visita demos boa conta no tirarrollas no seu momento e agora aportamos unha videomontaxe feita por Rosa Romero, a profe de lingua castelá que nos agasallou no presente curso coa súa total colaboración, grazas Rosa!












                                         









luns, 2 de xuño de 2014

700 AC. O mundo castrexo




Mentres as leitugas van acadando a redondez dos repolos e as cebolas medran baixo terra, saímos da horta para visistar os restos do castro de Penalba, e os petróglifos da Rotea de Mendo,  nun outeiro de Campo Lameiro. Como seguramente algúns quedastes con ganas de saber máis historias dos nosos ancestros, deixamos material audiovisual interesante relacionado  co mundo castrexo e a corrente cultural celta en Galiza e en Europa.













Formaba parte da espiritualidade celta a firme crenza de mundos paralelos, de maneira que se conservan en Irlanda, Eire, moitas lendas de barcos navegando polas nubes para os cales a terra era o mar. Un día caeu un mariñeiro do céo no medio dun poboado e capturárono; atárono e xa empezaban a falar de darlle morte alí mesmo cando o prisioneiro falou e dixo: soltádeme! se continúo máis tempo aquí, morrei afogado.