mércores, 11 de xuño de 2014

A reciclarte!






Rebobinado videográfico do noso obradoiro de reciclaxe neste curso 2013-14. Convertemos papel de xornal en cestos de colores. Pero tamén fixemos probas con máscaras de papel. E diferentes tipos de trenzado con varas de xornal e fibras vexetais. E un par de maios, o grande con estrutura metálica e o pequeniño con estructura de papel trenzado. E unha cesta de nadal. E un cestón solidario. E reciclamos vellas camisolas para estampar nelas o noso nome tipografiado. E puxemos a enraizar as videiras para plantar unha viña no vindeiro curso na nosa horta experimental. E aprendemos a colaborar, a compartir materiais, habilidades e ideas. E tamén aprendemos a recoller e organizar. A montar e desmontar. Practicamente todo o alumnado que colaborou no obradoiro fixo como mínimo un cestiño. Houbo quen fixo dous e mesmo tres. A nosa intención para o vindeiro curso é compartir este obradoiro con outros centros educativos que estean interesados. Que necesitamos? Tempo, tempo e máis tempo, horario lectivo para despregar esta actividade tan fructífera, estimulante e satifactoria.O departamento de dinamización da lingua e cultura galegas do ROU dávos as grazas a todas e todos os que tan marabillosamente participastes na posta en marcha e consolidación deste obradoiro e deséxavos a tod@s un merecido descanso. Saúdos cesteiros! 




REFRÁNS CESTEIROS:

  1.  Quen fai un cesto fai un cento... se lle dan vimbios e tempo. ( A nós nin vimbios nos fan falta, abóndanos cunha migalla de tempo)
  2. Quen ten tempo fai un cesto.( Quen se aburre é porque quere)
  3. Rachas e máis rachas fan un cesto.(Refirese aos cestos de madeira reachada)
  4. Quen fixo o cesto que lle poña o aro. ( Ou senón que quede sen el)
  5. Quen ten oficio ten beneficio
  6. Quen non fai as cousas dunha vez fainas de dúas ou tres. (Ou catro ou cinco)
  7. Estar coma un rei nun cesto (Que nin diola)
  8. Cesta patela arromba máis que leva ( As patelas son cestas amplas todo cú para levar estibado o peixe pequeno)
  9. Do pouco vaise facendo moito, pouco a pouco. (Si, por exemplo os rulos ou rolos ou tubos de xornal, a pouco e pouco vanse xuntando para ter moitos)
  10. Non poñas todos os ovos no mesmo cesto. ( hai que diversificarse ou morrer)
  11. Máis vale poucos moitos que moitos poucos. ( parece mentira que o saber popular sexa tan profundo, pois éo)
  12. Mentrres máis somos máis valemos. (Díxolle un patacón a outro ou un rulo a outro)
  13. Mallando mallando apréndese a mallar. ( E rulando rulando apréndese a rular)
  14. A mellor mestra é a experiencia. (Que non está licenciada en ningunha universidade)
  15. Auga en cesto, amor de neno e vento de cú, todo é un. (Vaia, que non dura nada!)
  16. Tirádelle o cú á cesta e acabouse a parentela. ( Ou sexa, sen cú non hai cesto)
  17. Torto ou dereito o que está feito, está feito. (Non hai marcha atrás)
  18. Labor comezado é medio feito. (Xa o creo)
  19. Con estes vimbios non se poden facer máis que estes cestos. (Sempre se pode facer algo máis e mellor)
  20. Uns serven para vendimar e outros para sacar cestos. (Uns serven para pescar e outros para tirar a liña ao mar)
etz........





Ningún comentario:

Publicar un comentario

veña, dálle!