luns, 9 de xuño de 2014

Os animaliños da horta

 




Rosa Romero vólvenos agasallar cunha videomontaxe; nesta ocasión sobre os animaliños que fomos topando na horta dende que empezamos a montala. A letra da canción é moi apropiada para o tema e a música  superpegadiza.
 Sobre o simbolismo dos animais na literatura e a mitiloxía popular poderiamos engadir moita información, pero coidamos que algo haberá que deixar para o ano que vén. Velaí un aperitivo:

A serpe do Con do Encanto

Na entrada de Paradela de Lores, concello de Meaño (Pontevedra) había antigamente un pequeno con (cabezo de penedo que sobresae da auga). Nel tumbábanse a tomar o sol serpes, lagartos... etc. e un día apareceu unha serpe moi grande.
Toda a xente que pasaba por alí tiña medo e intentábana matar pero fracasaron. Unha mañá antes de saír o sol xuntouse a xente do pobo para ver se a podían coller pero atoparon unha sorpresa: enriba do con non estaba a serpe senón un mantel moi bonito. Sobre o mantel había cousas moi fermosas: tesoiras, dedais, agullas, fíos, todo de cor dourada. Ao lado, sentada, había unha sombra dunha fermosa muller.
A xente preguntoulle que facía alí, pero ela non contestou. E tan pronto lle deu o sol na cara recolleu as cousas douradas e desapareceu coma se o con a engulise. Nunca se soubo nada máis da serpe nin da sombra da muller fermosa.

[Recollido en Freixeiro, Lores, Meaño (Pontevedra), por Eduardo García Doce]


in Galicia encantada




Ningún comentario:

Publicar un comentario

veña, dálle!