mapoulas de California
nun invernadoiro cheo de caléndulas
ceboliño para a sementeira
fermosos exemplares de estevia, a doce revolución
Co alumnado de 1º da ESO e algúns alumnos de PT, todos eses colaboradores co grupo da horta escolar, visitamos esta mañá a Granxa-escola de Ponteareas. Recibíronnos uns prados de mapoulas douradas , un par de fermosos exemplares de coníferas e unha monitora, profesora da escola, que nos atendeu marabillosamente amosándonos todas as dependencias, hortas e xardíns. Quedamos abraiados co traballo que están a realizar neste centro educativo público, pioneiro en moitas das súas investigacións. Moi lonxe dos monocultivos industriais que necesitan química masiva para sobrevivir, na granxa-escola apréndese a cultivar e manter os cultivos de maneira ecolóxica, con abonos orgánicos e métodos biolóxicos para previr e combater as pragas. Tiramos moitas ideas para a nosa horta, por exemplo, protexer os cultivos con plantas aromáticas e plantación diseminada de allos. Tamén aprendemos que calquera planta aromática ou comestible que se críe onde hai allos, incrementa o seu sabor. Vimos as viñas cultivadas con diferentes técnicas para mellor aproveitamento do sol. As quiwieiras, seriamente ameazadas por unha praga que se extende xa a nivel mundial. O aproveitamento de todos os residuos orgánicos, tanto das podas como do comedor do centro. E uns deseños moi chulos para xardín, feitos polos alumnos, dende o proxecto en papel ata a súa materialización sobre o terreo. A última hora, estivemos no obradoiro de mecánica, onde o alumnado aprende o funcionamento e reparación de toda a maquinaria que se usa na horta, tanto en invernadoiros como en exteriores. Ah! tamén comemos morodos apañados directamente das plantas e recén lavados pola chuvia. Unha gozada!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
veña, dálle!