Remexendo no abono orgánico apareceron varios exemplares deste simpático bichiño aínda que creo que ninguén se parou ben a mirar se os nosos hóspedes teñen ou non patiñas. En principio houbo unha ondada de pánico ante o que coidabamos a presencia de serpes velenosas tan perto de nós! Pero non, con patas ou sen elas, son lagartotes que poden chegar a acadar o medio metro de longo e, atención ao dato, vivir ata 50 anos. Así que creo que levan máis tempo ca nós pola horta e que están para QUEDAR.
Teremos que abrir en serio unha liña de investigación de todos os pequenos habitantes do noso xardín: xoaniñas, lombrigas ou miñocas, caracois, lesmas, arañiñas, pulgóns, eslizóns e tal. Teremos que ver como se levan entre eles, porque algúns son depredadores naturais doutros, co cal evitamos matar nada con químicas agresivas e deixamos que actúe o equilibrio natural.
Neste punto da historia hortícola do Uruguai, temos os participantes na experiencia piloto divididos en dous bandos máis ou menos claros: os que xa de ningunha maneira queren volver entrar na horta e os que desexan ardentemente volver para poder tocar os eslizóns, ver se teñen patiñas, escamiñas e cousas desas. Como o curso está por rematar, poderemos dar cumprida satisfacción ás intencións de todo o mundo e a todo isto digo eu, canto aprendemos este ano!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
veña, dálle!