Estas chuvias de maio levaron a nosa horta a unha nova dimensión. Onde non había máis que vexetación ventureira conseguimos que agromasen as leitugas, as cebolas, os allos, as cabazas, os chícharos, algunha pataquiña, polo menos un xirasol, uns pés de millo, unhas poucas tomateiras e un ramallo de plantas aromáticas como o romeu, a xarxa, a menta, o tormentelo, morodos, caléndulas e......lirios, lirios orientais. Tamén prenderon fresias e xeranios, así que o que en principio ía ser horta estase convertendo nunha horta-xardín con ánimos declarados de continuidade. Todo o alumnado participante está encantado coa actividade. Carrexamos madeira de podas descontroladas para facer divisións provisionais dos cultivos. Coa axuda de Carmen, a profe de plástica, fixemos cadrantes por grupos. Aproveitamos a herba segada para facer abono, mesturada con algas das praias de Teis . Cavamos, sachamos, achandamos, plantamos, regamos e os froitos non se fixeron esperar. Xa empezamos a levar leitugas para comer. As tomateiras están en flor e xa empezan a verse os tomatiños, en maio!. Os lirios rebentaron en todo o seu esplendor e as fresias despiden das súas humildes flores un arrecendo delicado e moi peculiar. Agroman por todos lados ideas de novas plantacións no terreo que aínda está sen traballar,. Para o ano queremos plantar froiteiras e montar unha viña, E unha quiwieira! Así que hai que empezar a estudar o lugar máis adecuado para cada especie. Con este terreo e este clima calquera idea estamos seguros que terá viabilidade. Do proceso fomos tirando fotos
operación Maceira, trazamos un circo arredor
cubrimos o suco coas pedras da primeira cavada
mentres, nos cadrantes por grupos, sementamos as cabazas
as leitugas
e os chícharos e ceboliños
En abril a maceira rebentou en flor
Fixemos unha microfesta laboral para celebralo
e non tardaron en vir o resto das flores
o lirio oriental do Uruguai
as fresias
cabazas
leitugas
cebolas
chícharos- cab azas
o xardín
a horta vista dende a 2ª planta
Ningún comentario:
Publicar un comentario
veña, dálle!