martes, 18 de decembro de 2012

Xornadas contra a violencia de xénero










No mes de novembro celebramos no Uruguai as xornadas contra a violencia de xénero. Elaboráronse cartaces-colaxes, víronse traballos audiovisuais co tema e acudimos á cita nas rúas xunto con outros centros para evidenciar unha vez máis a cuestión da violencia  que , subtil ou abertamente, a sociedade con patróns mentais e de comportamento machistas aínda exerce sobre a muller. Poderiamos dicir que tamén da muller contra o home, pero, por desgraza, as cifras falan soas.

O vídeo está colgado en youtube e na páxina Web do Uruguai






xoves, 28 de xuño de 2012

teatro para desafogar




versión en vídeo do guión teatral: O afundimento do Chichanik

Esta entrada temos vontade de adicarlla a todo o alumnado que se sente atraído pola representación teatral en calquera das súas formas. Como di a canción a vida é puro teatro e non hai motivo ningún para non disfrutalo en todo o seu potencial. Os de 1º da eso inventaron uns pequenos guións a partir dos cales se foi deseñando a posta en escena: escenario, decorados, vestiario, perruquería, maquillaxe, sons, expresión corporal, etc. No vídeo recóllese só un destes diálagos representados con fondo de pantalla na biblioteca. Hai aínda outros tres máis que non deu tempo converter en fotogramas; deles destaca O gran concurso,  que vai con baile sincronizado, música de agora, diálogos na máis pura ironía galaica e atrezzo de rachar coa pana,  queda en espera para o curso que vén. 
Dou fé que os máis pequenos se apuntan ao que faga falta e están dispostos a experimentar con todos os medios ao seu alcance. Este ano fixeron alén de guións teatrais, poesía automática, coplas, regueifas, retratos fantásticos, menús espaciais, e todo tipo de inventos lingüísticos, amosando así unha gran versatilidade compositora. Queremos felicitalos a todos pola súa magnífica colaboración e desexarlles moitas aventuras intrépidas cando se aventuren no territorio encantado do noso idioma.

mércores, 27 de xuño de 2012

O suso






Adaptación audiovisual dun par de relatos de Xosé Luís Méndez Ferrín nun único guión cinematográfico.
Ou como a literatura e o cine van da man pois a primeira crea imaxes que temos que imaxinar e o segundo necesita historias para contar.

martes, 24 de abril de 2012

RECREANDO NO ROU




CONCURSO DE CREACIÓN LETRAS GALEGAS 2012

PARTICIPANTES: Todo o alumnado do República Oriental do Uruguai que estea interesado, en calquera das seguintes categorías:
          Categoría A: 1º,2º, 3º da E.S.O.
          Categoría B: 4º da E.S.O., 1º e 2º de Bacharelato
MODALIDADES:
1.      POESÍA:Extensión máxima de 60 versos.
2.      RELATO CURTO:Extensión máxima de 4 folios por unha cara
3.      CÓMIC: 5 folios
4.      CARTEIS: un cartel por concursante
5.      VÍDEO: Un traballo por concursante ou grupo. Vede o folleto anexo.
6.      REGUEIFA: Unha regueifada por grupo, Vede o folleto anexo.
7.      RAP: Un traballo por concursante ou grupo. Vede o folleto anexo.
TRABALLOS: Os traballos serán orixinais e inéditos, en lingua galega. Cada concursante ou grupo de concursantes poderá participar só cun traballo por modalidade.
TEMA E FORMATO libres. Os traballos asinaranse cun pseudónimo. Nun sobre pequeno incluiranse os datos do concursante: nome, apelidos, curso; nun sobre máis  grande meterase o traballo e o sobre cos datos do participante, no exterior do sobre grande poñerase o pseudónimo con que se asinou o traballo, así como a categoría e modalidade en que participa.
PRAZO: Poderanse entregar antes do 11 de maio a calquera profesora/or do departamento de Lingua galega. Non se admitirán traballos entregados fóra deste prazo.
PREMIOS: Un único premio por modalidade:
 Categoría A 20€, categoría B 30€
XURADO: Profesorado e persoal non docente. O fallo darase a coñecer na festa das Letras Galegas, no salón de actos do instituto, o 16 de maio a partir das 12:30
O XURADO PODERÁ DETERMINAR DESERTO OS PREMIOS SE CONSIDERA QUE OS TRABALLOS PRESENTADOS NON ACADAN A CALIDADE DESEXADA

A participación no concurso presupón a aceptación destas bases.
Vigo, marzo do 2012. Departamento de galego.




ANEXO ÁS BASES DO CONCURSO DE CREACIÓN 2012


VIDEO: Formato AVI. Unha vez que tes montado o vídeo tes que editalo e cando o edites, escolles o formato; Procura que sexa pequeno e coa máxima calidade. 
                    Duración máxima: 5' minutos
                    Tema libre
                    Lingua vehicular galego
                    Remitir por e-mail a tirarrollas@gmail.com


REGUEIFAS E RAP: 

  • Grupos como mínimo de 2 persoas
  • Presentaranse por escrito, seguindo as normas da convocatoria.
  • Regueifas: extensión  mínima 5 intervencións por regueifeiro-a
  • Rap: extensión mínima i folio por unha cara

Calquera dúbida será solucionada polo profesorado de lingua. 
Tamén podes consultar estas base en:
galeguai.blogspot.com


martes, 17 de abril de 2012

Feijoo, o galego e nós



Interesantísimas citas textuais que a intelectualidade española foi verquendo ao longo da historia sobre a diversidade lingüística na Península; naturalmente, todas elas sen baseamento ningún máis que que a xenofobia e o odio a todo o que é diferente. A través deste vídeo podemos enlazar en youtube cunha serie que dá conta dunha mesa redonda efectuada na Coruña con motivo da presentación do libro Feijoo, o galego e nós, en xuño do 2010. 

martes, 20 de marzo de 2012

AS REGUEIFAS DO URUGUAI





Rebuscando nos apuntamentos do obradoiro de regueifas que neste curso fixeron os rapaces de 2º da ESO, conseguimos dar con algunhas pezas para que quede aquí unha mostra de como funcionaron. Algunhas quedaron niqueladas:



1. Palabras rima: FATAL / LABORAL

Este tema está moi mal
Este tema está fatal
O carallo deste tema
Este tema laboral


El estaba no traballo
E encontrouse fatal
Quería ir para casa
En xornada laboral


Teño dores de cabeza
E encóntrome fatal
Porque na miña familia
Hai problema laboral


Non che estou traballando
Porque me encontro fatal
Non sei se non collerei
Unha baixa laboral


Lévoche un día ben malo
Por non dicirche fatal
Teño que ir ao traballo
Pois é un día laboral


Disque as cousas do traballo
Hoxe en día están fatal
Pois todo o mundo se queixa
Da xornada laboral


Esta noite non durmín
E agora estou fatal
O pobriño do meu pai
Ten problema laboral


Nesta época de crise
O choio anda fatal
Todos buscando traballo
E hai reforma laboral




2. Verso final: ESTÁ TODO CONTROLADO


Agora teño un exame
Estou moi adurmiñado
Pero a miña mente dime:
Está todo controlado


Produciuse un gran incendio
Con seguimos apagalo
Eu díxenlle: ti tranquilo
Está todo controlado


Dei un golpe na cabeza
Encontreime mareado
E dixen para min mesmo
Está todo controlado?


Todiños na miña casa
Estabamos de traslado
Escacháronnos as camos
Está todo controlado


Onte fun á nova escola
E alí había uns pesados
Pero tratáronme ben
Está todo controlado


Estaba eu na miña casa
E fóra todo mollado
Atopei esta canción
Está todo controlado


Estaba eu moi enfadada
Pero pronto me animaron
Botáronme unha regueifa
Está todo controlado


Estaba na miña casa
E rompéronme os pratos
Tranquiliña, miña nai
Está todo controlado


Botáronme do traballo
E quedéichevos no paro
Pero xa volvín topalo
Está todo controlado


Estabamos nun incendio
Todo o mundo asustado
E chegaron os bombeiros
Está todo controlado


Eu estaba na igrexa
O cura medio drogado
Dixo con moito entusiasmo
Está todo controlado


Cando miña nai me rifou
Por chegarlle tan morado
Díxenlle eu con esmero
Está todo controlado








REGUEIFANDO QUE É XERUNDIO






O venres pasado, 16 de marzo, os regueifeiros do Uruguai fomos a Valadares á gran final de regueifas 2012. O salón de actos da Asociación de Veciños estaba petado. Había rapazada de todas as latitudes viguesas con pancartas, bombos, chifros, e moita gana de follón. Os de Coruxo arrasaron cun par de voces femininas que cantaban o improvisado de maneira case profesional. Quedamos impactadas! Os representantes do ROU botáronlle moita coraxe e imaxinación e non se deixaron amoucar por un  público que intimidaría ata ao máis arroutado artista consagrado polos medios. Quen fai esta crónica apenas puido clarearse para apañar ao voo e no medio dun estrondo xeral algunhas improvisacións . O ambiente era este:
http://youtu.be/YZwehX5eCG0 

Velaí algunhas:

Eu estábache na tenda
apoiei no mostrador
e pregunteille ao tendeiro
que vale este ordenador?



O cabalo está enfermo
leveino ao veterinario
dixen que tragaba auga
e chamoume ordinario



O meu cabalo está enfermo
xa non pode camiñar
mais confío en que un día
volverá de novo a andar



Onte ía eu pola rúa
e topeime cun marqués
e empezou a dicirme
ai, que morro de estrés!



Onte fun a Afganistán
e rebentaron a terra
tiven que marchar de alí
non aturo tanta guerra


Cada vez que abre a boca
a nosa amiga Lucía
adícanos unha regueifa
ela é todo poesía


Cando ía paseando
topei contigo, María
e decateime cantando
que eras todo poesía


Eu disfruto na cociña
gústame un mundo comer
menos mal que nunca empacho
ben sei eu como facer


Teño que apagar o móbil
o avión vai despegar
bótalle unha boa sesta
para podelo contar





E así polo estilo. A técnica é moi sinxela: arte menor e rima nos pares. O xogo consiste en dar palabras rimas, ou un 1º verso errante, ou un último verso ou calquera outra pauta para que empecen a agromar coplas e moitas variantes. O difícil é improvisalo alí no momento diante do público e dos contrincantes.
Non en van en Cuba se coñece esta actividade como repentismo.
Esta forma de literatura popular témola en común con moitas culturas ancestrais e en Galiza goza dunha marabillosa vitalidade. Hai vellos regueifeiros, auténticos mestres da improvisación e do desafío verbal e moitos espontáneos entre as novas xeracións. Como din en Portugal : pobo que canta non morre.


Reseñas na prensa: aquí  e aquí