martes, 20 de marzo de 2012

REGUEIFANDO QUE É XERUNDIO






O venres pasado, 16 de marzo, os regueifeiros do Uruguai fomos a Valadares á gran final de regueifas 2012. O salón de actos da Asociación de Veciños estaba petado. Había rapazada de todas as latitudes viguesas con pancartas, bombos, chifros, e moita gana de follón. Os de Coruxo arrasaron cun par de voces femininas que cantaban o improvisado de maneira case profesional. Quedamos impactadas! Os representantes do ROU botáronlle moita coraxe e imaxinación e non se deixaron amoucar por un  público que intimidaría ata ao máis arroutado artista consagrado polos medios. Quen fai esta crónica apenas puido clarearse para apañar ao voo e no medio dun estrondo xeral algunhas improvisacións . O ambiente era este:
http://youtu.be/YZwehX5eCG0 

Velaí algunhas:

Eu estábache na tenda
apoiei no mostrador
e pregunteille ao tendeiro
que vale este ordenador?



O cabalo está enfermo
leveino ao veterinario
dixen que tragaba auga
e chamoume ordinario



O meu cabalo está enfermo
xa non pode camiñar
mais confío en que un día
volverá de novo a andar



Onte ía eu pola rúa
e topeime cun marqués
e empezou a dicirme
ai, que morro de estrés!



Onte fun a Afganistán
e rebentaron a terra
tiven que marchar de alí
non aturo tanta guerra


Cada vez que abre a boca
a nosa amiga Lucía
adícanos unha regueifa
ela é todo poesía


Cando ía paseando
topei contigo, María
e decateime cantando
que eras todo poesía


Eu disfruto na cociña
gústame un mundo comer
menos mal que nunca empacho
ben sei eu como facer


Teño que apagar o móbil
o avión vai despegar
bótalle unha boa sesta
para podelo contar





E así polo estilo. A técnica é moi sinxela: arte menor e rima nos pares. O xogo consiste en dar palabras rimas, ou un 1º verso errante, ou un último verso ou calquera outra pauta para que empecen a agromar coplas e moitas variantes. O difícil é improvisalo alí no momento diante do público e dos contrincantes.
Non en van en Cuba se coñece esta actividade como repentismo.
Esta forma de literatura popular témola en común con moitas culturas ancestrais e en Galiza goza dunha marabillosa vitalidade. Hai vellos regueifeiros, auténticos mestres da improvisación e do desafío verbal e moitos espontáneos entre as novas xeracións. Como din en Portugal : pobo que canta non morre.


Reseñas na prensa: aquí  e aquí

Ningún comentario:

Publicar un comentario

veña, dálle!