sábado, 13 de xuño de 2015

CESTOS 2015





O obradoiro de reciclaxe desenvolve una actividade continua ao longo do curso, que ten como obxectivo prioritario o fomento do galego oral. No vídeo saen tres alumnos de 1ºC que nos explican tres fases na confección dun cesto: enrolado do papel, montaxe e endurecemento do material. Teriamos moitos outros temas de que falar: os tipos de cestos, os diferentes modos de empezar e rematar, as tinxiduras e as pinturas, outros materiais reciclados, os cestos vexetais.....
Este pequeño curso de oralidade só foi impartido a un grupo de vinte  rapaces nunha hora de atención educativa. Cumprirían máis grupos e máis pequenos. Será algún día iso viable?


 RESISTENCIA!

venres, 12 de xuño de 2015

dáme cabazas!



Percorrido que fixeron as cabazas máis pequeñas da colleita do ano pasado. Foi incrible cando as recollemos entre a ramallada e as acacias que naceron por todos lados. Enchemos un cestón grande e non nos chegou. Os primeiros días eran todas preciosas. Pero empezaron a podrecer coa humidade. Foron colgadas no vitral coa esperanza de que secasen o mellor posible. Moitas podreceron e outras moitas completaron o seu completo secado, de maneira que agora son auténticas maraquiñas para cando necesitemos algo de percusión. Tamén hai un lotiño delas que están como o primeiro día, conservaron o peso e a auga sen podrecer nin secar, preguntámos nós:  por que? nin idea! Sexa como for, alegraron ests inverno o obradoiro sen aterrizar na cabeza de ninguén.
 
Na próxima colleita de cabazas, se as hai, haberá que deixalas ao sol do outono todo o tempo posible, para que curen antes de seren almacenadas.
 
 
 

domingo, 7 de xuño de 2015

Viaxe Baroña-Carnota





Por fin conseguimos xuntar os materiais que dan conta da viaxe que fixemos a principio de curso. Estivo bárbaro. Nas semanas seguintes elaboramos moitos traballos relacionados con esta saída: Fixemos crónicas de opinión, narracións de ficción castrexa, banda deseñada  ( que presentamos ao certame de banda deseñada do instituto Xelmírez) e moitos debuxos alusivos nos cadernos. Ao longo do curso, varios rapaces escolleron os libriños dos Barbanzóns para ler na hora de lectura. E aínda porriba quedounos una morea de material audiovisual para montar os vídeos. Bárbaro!


 


 
 


 


 


 
 
 
 
 
 
 
 

sábado, 6 de xuño de 2015

así falamos, así, así






Sen moita programación previa, parece que fomos capaces de converter a horta nun improvisado obradoiro de expresión oral. Hai moito de que falar: as ferramentas, os terreos, os cultivos, as árbores, as plantas aromáticas, as flores, os verbos que se derivan dos diferentes labores.... E aínda nos queda moito no baúl das posibilidades infinitas: por exemplo, imaxinade que nos poñemos a apañar refráns, cantigas populares, adiviñas e contos de temática agrícola. Xa fixemos algo polo estilo coas coplas inventadas en maio e para o curso que vén será inevitable tentalo de novo co resto . Non, se acabaremos montando unha longametraxe documental e emocional do noso percorrido semanal pola horta. Quen se anima?
Ah! Está empezando a ser aboslutamente necesario que alguén do grupo da horta se poña ao día na gravaxión, edición e montaxe de vídeos, a canle en youtube xa está aberta.

xoves, 4 de xuño de 2015

Así cantamos, así, así





Con motivo da celebración das letras galegas, a nós deunos por practicar as formas básicas da literatura oral. Cada alumno fixo unha ou varias coplas, inspirándonos na melodía do Uah! de Suso Vaamonde. As letras saíron moi ben, pero á hora de cantalas como que non daban saído, así que decidimos rapealas poñéndolle coro ao retrouso. E así quedou a cousa. O vídeo quedou escaso de volume, así que haberá que darlle ao máximo ao son. As fotografías finais son do xardín nos últimos días de maio. Agradecementos ao alumnado de 1ºA, que colaborou sen restriccións.