Proxecto
de dinamización do galego 2014-15
Equipo de
Normalización e Dinamización Lingua
Galega
IES República
Oriental do Uruguai
Curso 2014-2015
1. BREVE ESTUDO SOCIOLINGÜÍSTICO
1.1. CONTORNO DO NOSO CENTRO:
O noso instituto, situado na cidade de Vigo, é
un centro que podemos catalogar como
urbano; case todo o noso alumnado vive nun contexto urbano periférico e a
maioría perdeu o contacto coa aldea orixinal e, por tanto, cos parámetros
culturais que dela se derivan. Estamos
situados no barrio de Teis, moi perto da Travesía de Vigo. A maior parte dos
habitantes desta contorna son asalariados e pequenos comerciantes autónomos.
Empezan a abundar familias que viven de subsidios como consecuencia da precaria
situación laboral. Dadas estas
circunstancias cabería esperar un uso bastante amplo da lingua galega; sen
embargo, desgrazadamente, podemos observar un descenso progresivo e moi rápido do uso do galego nas
novas xeracións, de maneira que a frecuencia da súa utilización vén sobre todo marcada polo factor idade. Así
observamos unha relación inversamente proporcional entre ambos datos: canto
maior é o falante, máis frecuente é o emprego do galego e viceversa: canto máis
xove é o que fala menos probábel é que o faga en galego. Temos, pois un
alarmante e preocupante descenso do número de falantes e unhas perspectivas de
futuro non demasiado optimistas. Non obstante tentaremos ser animosos e pór o
noso gran de area para dalgunha maneira contribuír a frear esta situación; este
é o principal motivo que nos leva a organizar desde o centro as actividades que
integran este proxecto.
1.2. O ALUMNADO:
Os nosos
alumnos-as proceden na súa maioría do colexio público que nos foi adscrito:
Frian, situado na parte alta de Travesía de Vigo; tamén de distintos colexios
concertados: Xesuítas, Calasancias, Quiñones de León etc. Contamos igualmente
con menos alumnado inmigrante que outros anos, arredor dun 10%. Os países de procedencia
de máis a menos alumnado son: Romanía, Senegal, Paquistán, Portugal, Arxentina,
EEUU, Brasil, Marrocos, Nixeria, Paraguai, República Dominicana, Suíza,
Finlandia e Uruguai
O uso da lingua
galega entre os nosos rapaces é practicamente nulo. Na súa contorna familiar,
en coherencia co anteriormente comentado, hai unha certa presenza do galego
representada nalgúns casos polos pais e en maior medida polos avós. De todos
xeitos, tal e como puidemos comprobar nos datos obtidos das enquisas para a elaboración
do Plan Lingüístico de Centro, só un cinco por cento dos fogares falan
unicamente en galego, nun corenta cinco por cento escóitase falar algo e nos
restantes fálase practicamente sempre en castelán. A pesares desta situación a actitude do noso alumnado cara o
galego non é negativa. Comprenden a
riqueza que supón ter dúas linguas e consideran positivamente a conservación e
o uso do galego.
1.3. O PROFESORADO:
Este é un sector
da comunidade educativa maioritariamente urbano, que vive na maior parte dos casos
nas inmediacións do instituto; integrado por 35
profesores-as que podemos dividir en tres grupos, atendendo ao uso que fan da
lingua polo menos durante a súa permanencia no
centro de traballo: un terzo de profesorado que nunca a utiliza, outro
que a emprega habitualmente e por último unha parte que o fai ocasionalmente.
Como no caso comentado con anterioridade,observamos unha actitude positiva pero
pasiva. Son frecuentes as queixas por falta de seguridade á hora de impartir
clase en galego así como as consultas de dúbidas sobre todo no que respecta a
léxico específico e normativo.
1.4.SITUACIÓN LINGÜÍSTICA DO CENTRO:
Na vida académica,
observamos unha presenza da nosa lingua que non excede o meramente
establecido pola lei. Fóra do ámbito académico de parte do profesorado,
resulta estraño ou cando menos chamativo
escoitar a nosa fala. Todos-as enténdeno e comprenden a necesidade e a riqueza que supón a súa
existencia pero déixanse levar pola comodidade que representa empregar unha
única lingua. Debemos destacar tamén a dificultade engadida que ten para o noso
alumnado inmigrate. En xeral cústalles
asimilar e comprender a utilidade que pode ter para o seu futuro.
Dáse pois nesta
contorna o paradoxo de que o galego parece utilizarse para cuestións formais,
públicas, en actos e celebracións; pero áchase de menos o seu uso oral e
espontáneo na vida cotiá do centro.
2. OBXECTIVOS DESCRITOS PARA CADA SECTOR
O obxectivo básico
e evidente deste equipo é promover o uso do galego sobre todo a nivel oral, e
desde logo tamén escrito, entre todos os
sectores que integran o centro de ensino: profesorado, persoal non docente,
alumnado e familias.
Para conseguir este fin, a nosa actuación
basearase en catro conceptos:
Presenza
Colaboración
Asesoramento
Concienciación
·
Presenza: démonos a coñecer no principio de curso, nunha primeira reunión,con
extensiva invitación a todo o profesorado, para que todos soubesen da nosa
existencia activa así como da nosa finalidade.
·
Colaboración e asesoramento: ofrecéndonos
a todo o persoal en xeral e particularmente na CCP para quen nos necesite á hora, por exemplo de
facer calquera escrito en lingua galega.
·
Concienciación: tratando de facer ver o que ten de positivo e enriquecedor o uso da
nosa lingua en calquera evento ou actividade.
2.1. OBXECTIVOS A CONSEGUIR ENTRE O SECTOR DO PROFESORADO:
O nivel de uso e a valoración que faga este sector resultan
especialmente transcendentes para o prestixio que adquira a lingua no ámbito
académico. O noso traballo está especialmente ao seu servizo para conseguir os
seguintes fins:
- Ofertar actividades que manteñan unha presenza constante da lingua ao longo de todo o curso.
- Tratar de personalizar o contacto con cada profesor-a para que dalgunha maneira se sintan implicados e considerados e así colaboren na súa utilización.
- Animalos para que relacionen esta lingua con algo vivo, efervescente e actual, posible e útil en todos os ámbitos. Que usen o galego máis alá do estritamente legal.
- Conciencialos de todas as vantaxes que ten que os rapaces recuperen
e utlicen a súa lingua propia.
- Que o profesorado conte con material suficiente para adquirir certa solvencia no uso do galego
- Que colaboren coas actividades do centro.
- Que axuden á humanización do instituto.
- Que defendan a súa utilidade cara ao alumnado.
- Facilitar o acceso a traducións da literatura universal, científica, de pensamento filosófico e de ficción.
- En definitiva, procurar contar con eles e implicalos no maior número posible das nosas actividades.
2.2. PARA O ALUMNADO:
- Estimulalos coas nosas actividades para que participen, aprendendo e divertíndose e así de maneira formal e informal fagan uso do galego.
- Que o noso alumnado relacione a lingua con contextos novos , diferentes aos tradicionais.
- Que vexan o galego coas posibilidades de calquera lingua.
- Que descubran tradicións.
- Que descubran as raíces e a relación que pode haber entre aquelas e formas de expresión moi presentes na xuventude.
- Que comproben que a tecnoloxía máis avanzada está funcionando na nosa lingua.
- A colaboración coa xente da contorna
- Que sintan o orgullo de mostrar aos de fóra o noso
- Que coñezan o inmenso patrimonio histórico e cultural de Galicia.
- Que entren en contacto con costumes e tradicións que aínda gozan de plena vitalidade.
- Que asocien o idioma do país con actividades novidosas, como a cestería en papel, inexistente noutros centros educativos.
- Que o alumnado saiba que contan coa colaboración do profesorado e do equipo de dinamización para calquera iniciativa que poida xurdir en relación co uso do idioma, da cultura, da historia, da aequeoloxía ou da etnografía de Galicia.
- Dar a coñecer entre o alumnado o labor que se está facendo no sector audiovisual dende un punto de vista e unha sensibilidade nosa.
2.3. OBXECTIVOS ADECUADOS Á CONTORNA DO CENTRO:
A continuación indicamos algúns dos obxectivos que pretendemos acadar coas
nosas actividades para a contorna do noso centro, máis concretamente para o
contexto familiar do noso alumnado e que redunden nunha maior presenza e uso da
nosa lingua:
- Que o noso labor transcenda os límites do instituto e que as familias se decaten de que existe un labor dinamizador relacionado co galego
- Que a contorna se percate da existencia do centro
- Estimar o feito de que en galego se póde dicir e vivir todo
- Promover a relación pais- fillos- avós
- Prestixiar o centro
- Que vexan a lingua relacionada con rexistros que non son os consabidos
- A recuperación de tradicións
- Que comprendan que o galego ten utilidade e cabida neste século
- Que recorden que temos unha lingua e unhas tradicións que nos identifican como pobo e que son as mellores ferramentas para vivirmos o presente e proxectarnos cara o futuro. Isto quedará máis especificado e mellor concretado cando posteriormente describamos cada unha das actividades previstas para este curso
.
2.4. OBXECTIVOS A CONSEGUIR NO NOSO INSTITUTO:
- Que haxa unha maior presenza da lingua galega na vida académica, relacionándoa co uso de novas tecnoloxías, de actividades de carácter tecnolóxico e científico.
- Convertela en lingua vehicular de todo tipo de eventos e celebracións.Que se utilice nas celebracións e nas actividades escolares do tipo que sexan.
- Que os rapaces-as utilicen máis o galego de forma natural e con certa inconsciencia. É dicir, que cultiven a expresión oral no noso idioma como unha fonte de creación e divertimento.
- Fomentar o uso do galego escrito de maneira correcta e creativa entre toda a comunidade educativa.
- Que se utilice en materias e ámbitos de uso menos frecuente por parte do alumnado.
3. ACTIVIDADES PARA
O CURSO 2014-145
As actividades desenvolvidas polo equipo de dinamización do idioma
galego no IES República Oriental do Uruguai nos últimos cursos académicos viran
arredor duns cantos eixos ou liñas
mestras de actuación que se poden concretar nas seguintes:
·
HORTA ESCOLAR
·
OBRADOIRO
PERMANENTE DE RECICLAXE
·
VISITAS PERIÓDICAS
A LUGARES EMBLEMÁTICOS POLO SEU INTERESE
ARQUEOLÓXICO, HISTÓRICO OU CULTURAL
·
COLABORACIÓNS COA
OFERTA DINAMIZADORA DO CONCELLO E OUTRAS ENTIDADES
·
REDE DE BITÁCORAS
EN GALEGO
Todas elas teñen continuidade ao longo do curso e son de carácter plurianual, chegando
algunha a exceder os dez meses de curso académico. Referímonos á horta, que é
supervisada tamén no verán, e ao obradoiro de reciclaxe, no que se imparte un
curso de cestería con material reciclado para o que se tivo e ten que dispoñer
de moito tempo coa fin de conseguir a habilidade necesaria para desenvolver ese
labor. Alén diso, a rede de bitácoras ten unha continuidade de seis cursos académicos e moitos dos
seus contidos son traballados en horas non lectivas que non teñen visibilidade
máis que para quen as pon ao dispór do proxecto para uso e lecer de toda a comunidade educativa e profesorado
de galego que poida chegar a estar interesado nos contidos que nela se
desenvolven.
A
continuidade destas liñas de actuación ao longo do
curso académico obríganos a rexeitar un modelo de proxecto baseado na proposta
de actividades dispersas agrupadas por trimestres e a adoptar un calendario de
actuación para cada unha delas, de maneira que presentaremos primeiro mes por
mes o que se vai facendo en cada concepto e a continuación desglosaremos a
descrición, os obxectivos, profesor-as
encargados, destinatarios e
orzamento que require cada actuación . Quedan
excluídas do calendario preliminar a rede de bitácoras (cada bitácora vai
adecuando os seus contidos á realización das diferentes actividades, sendo case
imposible dar conta puntual de todas elas en rede) e o obradoiro permanente de
teatro, que este ano se reparte entre castelán e galego. Da obriña que se
prepara en galego daremos conta máis adiante.
TEMPORALIZACIÓN
|
3.1.OBRADOIRO
PERMANENTE DE RECICLAXE:
|
3.2.HORTA
|
3.3.COLABORACIÓNS
CO CONCELLO E OUTRAS ENTIDADES
|
3.4.SAÍDAS
HISTORICO ARQUELÓXICAS E CULTURAIS
|
setembro
|
Presentacion do obradoiro de
reciclaxe e organización para dar cabida a grupos dun máximo de 20
participantes
|
Colleita dos cultivos que
sobreviviron ao verán.
Limpeza da horta. Mantemento dos
cultivos de continuidade
|
||
outubro
|
Aprendemos a tipografar
Tipografamos o alfabeto
|
Aprendemos sobre abono orgánico
Roturamos un campo para os allos
|
LUNS,20: Obradoiro de lingua portuguesa
MÉRCORES, 22: Vigo na literatura
|
MARTES, 21:
Ruta arqueolóxica Baroña- Carnota
|
novembro
|
Iniciación á cestería
Aprendemos a enrolar papel de xornal
|
Instalamos a composteira
Plantamos allos
Plantamos árbores: un ALBEDROe unha NOGUEIRA
|
MARTES, 11: Obradoiro de crema
hidratante
MÉRCORES, 19: Videoconferencia sobre
o filme A esmorga
|
Día 25:
Embarcacións tradicionais e artes de
pesca no porto de Vigo
|
decembro
|
Cesta de Nadal
Confección da cesta e das rifas
Reparto
Sorteo
|
Comezamos a montaxe dunha espiral de
aromáticas
Podamos a maceira
Facemos carteis de material reciclado
|
||
xaneiro
|
Tipografamos o noso nome no caderno
Facemos moldes ou plantillas en brics
|
Parcelamos o terreo
Aboamos con materia orgánica
Plantamos unha LARANXEIRA
|
||
febreiro
|
Primeiros estampados en caixas de
cartón e madeira con pintura acrílica
Montamos os primeiros cestos
|
Roturamos un campo para plantar
cebola e xenxibre
Plantamos LOUREIROS, VIDES, SABUGUEIROS
A sementeira
|
2ª SEMANA: O merdeiro
Introdución ás regueifas
|
ÚLTIMA SEMANA: Visita ao castelo e
xardín botánico de Soutomaior.
O cumio da Peneda
|
marzo
|
Tinximos os primeiros cestos
Investigamos en tinxiduras naturais
|
Plantamos cebolas e xenxibre
Rematamos a montaxe da espiral de
aromáticas
Plantamos bulbos ornamentais
|
||
abril
|
Estampado artesanal de camisolas en
letras de molde con pintura específica para teas
|
Plantamos verduras e hortalizas
Plantamos na espiral menta, xarxa,
ourego, tormentelo, pirixel, néboda, albahaca, fiúncho, xenxibre, lavanda,
estevia
|
O cinema e a literatura
|
ÚLTIMA SEMAN:Visita ao Monte do Facho
no Ío. Calzada e templo romanos. Castro romanizado. O cruceiro do Ío.
|
maio
|
Facemos un maio
Rematamos os cestos
|
Control de pragas con remedios
ecolóxicos
Mantemento dos cultivos
|
||
xuño
|
Exposición de obxectos e deseños
elaborados no obradoiro
|
Colleita dos cultivos cumpridos
Reparto entre o alumnado
|
3.1.OBRADOIRO
DE RECICLAXE
PRESENTACIÓN: A idea dun
obradoiro de artesanía xorde no curso 2012-13 cos motivos ancestrais dos petróglifos.
Non só fomos ver o gran cervo de Campo Lameiro, senón que fixemos visitas
virtuais por varias rutas de petróglifos galaicos e descubrimos que estes
deseños en pedra aparecen en todas as latitudes do Planeta. A súa plasticidade
e sinxeleza serviron de motivación para facer un experimento co estampado
manual de camisolas vellas. Os resultados deixaron encantados aos máis pequenos
e houbo algún caso en que a familia colaborou para que a súa filla trouxese un
deseño orixinal baseado nun petróglifo para nós descoñecido. Indagando na rede
descubrimos que hai un precioso repertorio de xogos primitivos que se poden
reconstruír en madeira ou calquera outro soporte moldeable. E a idea veu soa: podemos
facer un obradoiro de artesanía celta: xogos de taboleiro, complexos deseños de
labirintos, xoiería simbólica. Pero nós non temos metáis para labrar, nin madeiras
preciosas para tallar. En cambio temos un material dúctil, maleable, fácil de
traballar, ecolóxico, gratuíto, limpo e resistente unha vez procesado : o
papel. Haino por todos lados, só hai que poñerse a enrolar.
No curso 2013-14 solicitamos ao equipo
directivo un espazo para empezar a
traballar nalgunhas horas de Atención Educativa e unha tarde á semana. Ese
espazo pasou a chamarse o Obradoiro de Reciclaxe e constituíuse en centro
básico de operacións da actividade dinamizadora do idioma. O primeiro ano
saíron cestos, camisolas con deseño propio e un maio. Este ano dámoslle
continuadade a iso e abrimos as portas do obradoiro a calquera iniciativa que
conxugue o concepto de reciclaxe co modelo produtivo artesán.
3.1.1.CURSO DE CESTERÍA
TRADICIONAL CON PAPEL DE REVISTAS E XORNAIS
PRESENTACIÓN: Unha vez que
puxemos en marcha o obradoiro, comezamos a nosa andaina aprendendo a facer
cestos de papel, sólidos e resistentes, de todo tipo e tamaño. Descubrimos que
hai mil maneiras de empezar, elaborar e rematar un cesto, tantas como maneiras
de falar. Tamén descubrimos que a cestería é un mester antigo que foi
acompañando o devir da humanidade ata a aparición dos recipientes de `plástico.
Calquera fotografía do pasado inmediato
de Vigo ten nun recanto un cesto. Hai unha rúa vella da cidade que lle chaman dos
cesteiros. E, sen embargo, poucos lugares quedan xa onde aprender a facer un
cesto. Por este motivo, decidimos abrir o noso obradoiro non só ao alumnado,
senón ás familias e veciños da nosa contorna que teñan curiosidade e vontade
por realizar esta actividade, de maneira que o noso instituto se abre ao barrio
e a calquera que queira acudir ás nosas instalacións para aprender a facer de
maneira gratuíta algo tan sinxelo e útil coma un cesto. Un cesto de papel de
xornal enrolado!
DESCRICIÓN DA ACTIVIDADE: Trataremos
de facer cestos de todo tipo e tamaño a partir de papel de xornal, de cadernos
vellos e de folios impresos que normalmente se botan no colector para reciclar.
Unha vez feitos os cestos, endurecémolos con auga e cola. Para decoralos aprenderemos
a facer deseños inspirados nos motivos
dos petróglifos, labirintos, xogos de taboleiro celtas e todo tipo de
imaxes simbólicas. Haberá tamén lugar para propostas de libre creación. Para o
tinxido e pintado haberá lugar para investigar en tinxiduras de orixe vexetal e
outras non tóxicas de orixe industrial.
Cos traballos realizados faremos una
exposición. Tamén se pode facer con eles unha pequeña feira de intercambio de
pezas e mesmo de compra- venda se os
alumnos necesitan recadar diñeiro para alguna saída ou para a excursión de fin
de curso. Por exemplo, co diñeiro obtido coa venda de cestos, poderiamos pagar
o bus para facer una ruta completa de petróglifos.
OBXECTIVOS: Aprender a
crear reciclando materiais. Fomentar a creatividade. Fomentar a
experimentación. Fomentar comportamentos ecolóxicos e respectuosos co medio
ambiente. Fomentar o xogo non bélico. Fomentar o traballo cooperativo. Fomentar
o coñecemento e a investigación do mundo primitivo a través das pegadas que
foron deixando os antergos, usando os libros e as novas tecnoloxías. Fomentar o
uso da rede para recadar información
destinada a conseguir uns obxectivos prácticos e concretos. Aprender a
relacionar a nosa historia coa historia do mundo. Incentivar a participación
das familias nas actividades do centro. Aprender dos oficios tradicionais. Pór
en valor a gran importancia da cestería no despegue comercial da cidade.
Aprender a reciclar con proveito moitos materiais de refugallo para
confeccionar con eles obxectos case
desaparecidos da vida moderna: cestas,
cestos, cestóns, patelas, asentos, coxíns.
MATERIAIS: todo tipo
de papel apto para reciclar. Diferentes tipos de cola. Pinturas ecolóxicas..
Todo tipo de recipientes de plástico duro. Pinceis. Acceso fácil a auga para
coller e lugar para verquer. Mesas de traballo. Todo o proceso estará libre de
axentes contaminantes.
DESTINATARIOS:
Fundamentalmente o alumnado do centro. E tamén toda aquela persoa da comunidade
educativa que lle apeteza experimentar con materiais que se poidan reciclar.
TEMPORALIZACIÓN: Adicaremos
a esta actividade dúas horas semanais de atención educativa en 1º da eso + dúas
horas semanais os mércores pola tarde para todo o alumnado voluntario que
queira participar, familias e veciños do barrio e da cidade.
COORDINA: Rosa Martínez
COLABORACIÓNS:
Departamentos de Debuxo, Xeografía e Historia, Física e Química, Galego, Bioloxía,
Tecnoloxía, Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras e o persoal de limpeza que
deixou coma unha patena o espazo do obradoiro.
ORZAMENTO: 200 euros. Partimos da idea alentadora de que a materia
prima é gratis e abundante. Os pinceis, teas, cacharros auxiliares, as colas, e
as pinturas, ou o material base para fabricalas haberá que mercalas.
3.1.2.ESTAMPADO ARTESANAL DE CAMISOLAS
DESCRICIÓN: Na fase cero
procuraremos documentarnos sobre a importancia do deseño tipográfico nos
diferentes medios de comunicación. Veremos algún vídeo con tipografía animada.
Primeiro tipografamos o noso nome
en papel de caderno con lapis. Despois pasamos a un soporte duro (
brics, cartón, tapas de caderno) para obter un molde. Despois pintamos.
Empezaremos no primeiro trimestre aprendendo a tipografar o alfabeto.
Cada quen tipografará o alfabeto seguindo un estilo persoal. No
segundo trimestre tipografamos o nome, levámolo a un molde e probamos a
estampar con pintura acrílica en cartón e madeira. No terceiro trimeste
estampamos en tea con pintura específica o nome ou calquera outra proposta que
recolla o aprendido.
OBXECTIVOS: Fomentar o uso
da caligrafía estética. A escritura como fonte de deseño. Fomentar o pracer da
lingua escrita xogando coa caligrafía.
DESTINATARIOS: Para o alumnado dos grupos de 1º da eso e
calquera persoa da comunidade educativa
interesada en estampar artesanalmente unha camisola en que apareza como
lingua vehicular o galego
COORDINA: Rosa Martínez
COLABORAN: Departamentos de
Debuxo, Galego e Dinamización
ORZAMENTO: 100 euros para pintura específica e rotuladores para teas
3.1.3.CESTA DE NADAL
DESCRICIÓN:
Por segundo ano consecutivo montamos unha cesta de Nadal para encher co
que nos parece interesante para comer, ler e entreterse. Facemos rifas e sorteámola na semana previa ás vacacións.
A cesta saiunos máis profesional
que o ano pasado porque xa se nos ve algo do oficio. Enchémola con produtos
naturais ecolóxicos e un dicionario da lingua actualizado.
OBXECTIVOS: Conectar o centro coas familias.
Remasterizar a tradición do Nadal dotándoa de contidos non comerciais,
ecolóxicos e sostibles. Dar a coñecer a excelencia do produtos do país. Dar a
coñecer empresas que etiquetan os seus produtos en galego. Dar a coñecer o que facemos no obradoiro de
reciclaxe.
DESTINATARIOS: O alumnado e as familias. No
sorteo non participou ninguén alleo ao colectivo do alumnado para asegurarnos
que a cesta lle tocase a un alumno. A gañadora foi unha alumna de 1º da ESO e a
cesta foi para Mondariz.
COORDINA: Rosa Martínez
COLABORAN: Departamento de Galego e Departamento
de Dinamización.
ORZAMENTO:
O pegamento, cola, pinzas, anilinas e pinceis para a confección da cesta
e o que necesitamos para encher a cesta de nadal: 200 euros
3.1.4. FACEMOS UN MAIO
DESCRICIÓN: Coincidindo coa Semana das Letras, por segundo
ano consecutivo, montaremos un maio. No obradoiro iremos seleccionando os
elementos vexetais máis adecuados para un maio básico. A continuación
facemos un concurso de ideas plasmadas
en papel e facemos unha votación para acabar realizando o máis votado.Acompañaremos
o maio con coplas de maio e refráns. Veremos vídeos sobre o maio tradicional.
OBXECTIVOS: Dar a coñecer entre o alumnado unha das festas
populares máis fermosas do noso repertorio etnográfico. Enriquecer a celebración
das Letras Galegas. Fomentar a creatividade. Enriquecer a colaboración co
proxecto da horta. Achegarnos ás formas
básicas da literatura popular. Utilizar internet como unha ferramenta de
aprendizaxe para dar cos contidos gráficos e audiovisuais que nos interesan en
cada momento. Aprender a navegar pola rede para localizar o que estamos
buscando.
DESTINATARIOS: Toda a comunidade educativa, tanto no aporte
de materiais como na execución e celebración do maio.
COORDINA: Rosa Martínez
COLABORACIÓNS: As familias, Departamento de Dinamización,
Departamento de Debuxo, Departamento de Galego, Vicedirección.
ORZAMENTO: A actividade non precisa de cartos, só de
tempo.
3.2.HORTA
ESCOLAR:
DESCRICIÓN: No curso 2013-14 xorde entre algunhas profesoras a iniciativa
de crear unha horta escolar, un laboratorio vivo no que a partir da semente o
alumnado pode participar nun proceso que implica o nacemento, desenvolvemento e
cumprimento dun ser vivo que xorde da Terra. A cantidade e calidade de
coñecementos que se pode adquirir con
esta iniciación básica á agricultura é inmensa e os beneficios para os que nela
participan están aínda por estimarse.
O proxecto ten continuidade no presente curso e vai destinado sobre todo
ao alumnado de 1º da ESO, que son os que lle poderán dar viabilidade nos cursos
seguintes. Temos previsto o cultivo de plantas aromáticas e medicinais,
hortalizas, legumes e flores de bulbo. Haberá tamén cabida para o cultivo
experimental de sementes exóticas cun gran porvir alimentario, como a chía ou a quinoa. Probaremos a
reproducir de póla as especies que así o permitan. Plantaremos unha cepa de viña
. Contamos cun dos mellores aliados: o clima.
O que aporta o equipo de Dinamización á horta é o cultivo de continuidade. Todo o
que vai quedando dun ano para outro con labores de clareado e mantemento, e
ademais:
·
Galeguización de
todos os contidos interdisciplinares que concorren no proxecto: léxico de
vexetación, de ferramentas, tipos de terreo, tipos de cultivo, refraneiro
popular de agricultura, cantigas que recollen temática agrícola, lendas e
crenzas populares, variantes dialectais do léxico agrícola e un longo etcétera
do que imos dando conta nos nosos cadernos de bitácora.
·
Plantación de árbores das que o alumnado poida apañar os
froitos durante o curso académico : castiñeiro, nogueira, laranxeira, albedro,
mandarineira, viña, e outras de interese etnográfico e cultural: sabugueiro,
loureiro, buxo, acivro, carballo, espiñeiro.
·
Iniciación á
permacultura coa montaxe dunha espiral de plantas aromáticas que abastezan a
horta das plantas necesarias para regular a presenza de pragas.
·
Experimentamos con
cultivos : millo corvo, xenxibre e pataca do ar
como cultivos novidosos.
·
Facemos colaboracións
para a rede de bitácoras de todo tipo: fotografía, vídeo, redaccións,
reportaxes, entrevistas, cartas.
·
Usamos internet
como ferramenta de aprendizaxe para encontrar información sobre: agricultura
ecolóxica, control de pragas, permacultura, botánica, léxico, outras hortas
escolares.
OBXECTIVOS: Dinamizar o idioma fóra do ámbito académico.
Potenciar o uso dos rexistros coloquiais. Enriquecer o vocabulario cunha posta
en práctica efectiva. Fomentar a curiosidade e o gusto pola investigación
conectada a unha realidade con desenvolvemento e obxectivos prácticos . Dar a
coñecer unha das actividades económicas máis antigas e extendidas do país. Conectar coas familias, que colaboran
dándonos información, sementes, plantas. Usar a rede como unha ferramenta de
aprendizaxe. Aprender a localizar a información que necesitamos en cada
momento. Entrar en contacto coa terra usando métodos ecolóxicos e respectuosos
co medio ambiente. Aprender que o esforzo dun labor continuado ten os seus
froitos. Dar a coñecer a excelencia do que un mesmo cultiva. Aprender a
planificar, executar, supervisar, manter e respectar o traballo propio e o dos
demais. Aprender a recibir e a compartir. Aprender dos ciclos anuais, da
importancia de cada estación na natureza.
DESTINATARIOS: O alumnado de 1º da ESO leva a cabo os
labores da horta dunha maneira continua ao longo do seu primeiro curso no
instituto. O resto da comunidade educativa participa esporadicamente en labores
de limpeza, poda, colleita e uso e disfrute da horta, tanto para desenvolver
actividades académicas como para o lecer.
COORDINA: Rosa Martínez, fai as achegas dende
dinamización do galego. O proxecto educativo da horta escolar ten como
coordinador xeral o profesor de CCNN Pablo Lobato.
COLABORACIÓNS: Departamento de Dinamización do Galego,
Departamento de Bioloxía, Departamento de Lingua Castelá, Departamento de
Debuxo, Departamento de Inglés , Departamento de Xeografía e Historia e
Departamento de Galego
ORZAMENTO: 200 euros. Para plantas aromáticas, árbores froiteiras, sementes, bulbos, raíces de
xenxibre. O millo corvo veu agasallado dende O Ferrol e as patacas do ar dende
o Brasil vía Mondariz a través da familia dunha alumna; as sementes de escarola
veñen de Rorís, tamén aportación do avó dun alumno .
3.3.COLABORACIÓNS
COA OFERTA DINAMIZADORA DO CONCELLO E OUTRAS ENTIDADES
Un ano máis, damos continuidade á colaboración coa oferta dinamizadora
do concello. As actividades que se propoñen vanse realizando ao longo do curso
académico seguindo o calendario exposto máis arriba. Procuramos que todo o
alumnado vaia participando nelas, adecuando o contido da actividade á idade dos
rapaces.
3.3.1. OBRADOIRO
DE LINGUA PORTUGUESA
DESCRICIÓN: Acolléndonos á
oferta do concello, unha lectora de lingua portuguesa virá ao centro facer unha
sesión en vivo sobre a lingua portuguesa en todos os terriotrios lusófonos.
OBXECTIVOS: Fomentar o coñecemento da lingua e cultura portuguesas. Pór en contacto
real ao alumnado coa fonética do portugués. Incentivar a curiosidade polo mundo
lusófono. Establecer comparativas entre o galego e o portugués contemporáneos.
DESTINATARIOS: Asisten alumnos
de 2º da ESO
COORDINA :Antía García
COLABORAN: Departamento de
Galego, Dinamización lingüística e Concello de Vigo
ORZAMENTO: Actividade
gratuíta para o centro educativo, subvencionada polo Concello.
3.3.2. VIGO NA
LITERATURA UNIVERSAL
DESCRICIÓN : A cooperativa
Trespés, a través do Servizo de Normalización do concello de Vigo, dá a coñecer
á cidadanía a historia da cidade e a súa
presenza como espazo literario en diferentes obras, sendo unha das máis
destacadas a de Jules Verne: Vinte mil
leguas de viaxe submariña. A presentación realizouse na biblioteca do
centro.
OBXECTIVOS: Que o alumnado
valore o espazo no que vive a través da literatura e da súa historia.
DESTINATARIOS: Asistiron ao
eventos alumnos de todos os niveis educativos.
COLABORAN: Departamento
Dinamización do Galego, Concello de Vigo, Cooperativa Trespés
COORDINA: Antía García
ORZAMENTO Actividade
gratuíta para o centro educativo, subvencionada polo Servizo de Normalización do
Concello.
3.3.3.
OBRADOIRO CREMA HIDRATANTE
DESCRICIÓN: Pequeño
obradoiro de dúas horas para aprender a facer artesanalmente con ingredientes
naturais unha crema hidratante ecolóxica.
OBXECTIVOS: Fomentar a
curiosidade científica do alumnado. Empregar o idioma para contidos académicos aos que non está asociado na
actual lexislación educativa. Fomentar o gusto pola experimentación. Fomentar
hábitos de consumo ecolóxicos.
DESTINATARIOS: Alumnado de 2º da
ESO
COLABORAN: Departamento de
dinamización e Servizo de Normalización do Concello de Vigo
COORDINA: Antía García
ORZAMENTO: Actividade
gratuíta para o centro educativo, subvencionada polo Concello
3.3.4.
VIDEO CONFERENCIA A ESMORGA
DESCRICIÓN: O noso centro foi
un dos seleccionados pola produtora Vía
Láctea Filmes para realizar unha vídeo conferencia sobre a película A Esmorga, baseada na novela de Blanco
Amor. Tamén recibimos invitacións para asistir á preestrea da película nun pase
privado. Na vídeo conferencia o noso alumnado puido participar xunto con
alumnos de moitos centros educativos de Galicia de nivel tamén de
universitario. A piques de rematar a redacción deste proxecto recibimos a
invitación da produtora a asistir a un pase gratuíto para o alumnado con
posterior coloquio co director da película.
OBXECTIVOS: Fomentar o
interese do alumnado polo audiovisual galego. Fomentar a participación
utilizando novas tecnoloxías. Relacionar o galego coa deriva cultural da
actualidade. Fomentar a curiosidade por achegarse a unha das obras literarias
máis representativas da Literatura
galega contemporánea. Proxectar o nome do centro educativo fóra da cidade.
Fomentar a colaboración entre o profesorado.
DESTINATARIOS; Alumnos de 4º da
ESO e BACHARELATO.
COLABORAN: Departamento de
Tecnoloxía, Dto de Galego e Dto de Dinamización do ROU e a produtora Vía Láctea
Filmes.
COORDINA: A actividade no
centro foi coordinada por Rosa Martínez e a cuestión tecnolóxica de preparar
todo para a conexión quedou a cargo dos dous profesores de Tecnoloxía.
ORZAMENTO: Actividade
gratuíta para o centro.
3.3.5. OBRADORO SOBRE O MERDEIRO
DESCRICIÓN: O Entroido vigués
ten un personaxe peculiar que simboliza
o secular desprezo do mundo da ribeira polo mundo labrego. Trátase do merdeiro,
que vai amolando os que baixan ao Berbés traballar no peixe. Esta creación
popular estivo esquecida varias décadas
e agora goza de novo de plena vitalidade. O que nos oferta o Servizo de
Normalización do Concello é a posiblidade de dar a coñecer este personaxe entre
o alumnado máis novo realizando un obradoiro no quepoidan realizar diferentes
actividades.
OBXECTIVOS: Dar a coñecer
entre os máis novos un personaxe típico do Entroido local.
DESTINATARIOS: Alumnos de 1º e 2º
da ESO.
COLABORAN: Dto de galego, Dto
de Dinamización e Concello de Vigo
COORDINA: Antía García
ORZAMENTO: Actividade
gratuíta para o centro educativo, subvencionada polo Servizo de Normalización do
Concello.
3.3.7.
CINEMA E LITERATURA
DESCRICIÓN: No presente curso
apuntámonos para asistir á proxección de tres películas saídas dunha obra
literaria, seguidas dun posterior colquio co autor-a da novela . A actividade
realizarase no 3º trimestre no auditorio do Concello. Adicaranse dúas horas
para cada título e levarase a cabo en tres sesións. Para cada título asisten o
autor da novela e o director do filme. Primeiro lese a obra como lectura
optativa na materia de Galego, despois asístese á proxección da película en
galego e a continuación falan o/a novelista e o director/a da experiencia.
Finalmente hai turno de intervencións para o público asistente.
Manuel Rivas con Todo é silencio
Suso de Toro con Trece badaladas
Alfonso Álvarez Caccamo con O
bosque de levas.
OBXECTIVOS: Relacionar a
literatura galega contemporánea co cinema galego de última xeración. Amosar o
galego como un idioma da modernidade. Dar a coñecer autores e directores que traballan co noso
idioma, a nosa cultura e a nosa personalidade histórica. Potenciar a asistencia
a debates con autor. Colaborar coa oferta normalizadora do concello.
DESTINATARIOS: Asisten alumnos
de Bacharelato e 4º da ESO
COLABORAN: Departamento de
Galego, Dinamización lingüística e Concello de Vigo
ORZAMENTO: Actividade
gratuíta para o centro educativo, subvencionada polo Servizo de Normalización do Concello
3.4.VISITAS
PERIÓDICAS DE INTERESE HISTÓRICO, ARQUEOLÓXICO OU CULTURAL:
3.4.1. ROTEIRO
ARQUEOLÓXICO BAROÑA-CARNOTA
DESCRICIÓN: Ao pouco de
empezar o curso académico, decidimos organizar unha saída cos máis pequenos , a
modo de benvida ao novo curso e ao novo centro escolar para eles. A
participación foi case total e o día que pasamos entre Baroña e Carnota os
rapaces calificárono como algo que debería repetirse a miúdo. Achegámonos ao
castro marítimo de Baroña de mañá e percorremos o interior do poboado
fascinados polo seu percorrido labiríntico, o seu magnífico estado de
conservación e o seu emprazamento único. Os rapaces quedaron tan impresionados
que a actividade Baroña deu para varias narracións, varias vídeo-montaxes e
unha pequena achega de tebeos feitos a man con ficcións situadas no mundo
castrexo. Antes de facermos a saída houbo sesións de documentación sobre o
mundo castrexo e os petróglifos galaicos.
A continuación fomos a unha das
pedras gravadas máis emblemáticas dos petróglifos galaicos: A Laxe das Rodas en
Louro (Muros). Os petróglifos son un dos temas recorrentes no noso proxecto
dinamizador do galego nos últimos cursos e este ano saímos da provincia de
Pontevedra para coñecer os complexos de espirais que aparecen por toda a costa
atlántica da provincia da Coruña. Rematamos o percorrido na xigantesca praia de
Carnota.
OBXECTIVOS: Empezar ben o novo
curso, asociando o galego con actividades interesantes , amosando tres lugares
encantados da nosa xeografía e do noso patrimonio arqueolóxico e natural.
Fomentar a creatividade e o lecer en galego. Fomentar a convivencia entre o
alumnado e entre o alumnado e o profesorado. Dar a coñecer o noso inmenso
legado arqueolóxico. Fomentar a curiosidade polo noso territorio e a nosa
cultura ancestral.
DESTINATARIOS: Alumnado de 1º da
ESO.
COLABORAN: Dto de Xeografía e
Historia, Dto de Lingua Castelá, Dto de Galego e Dinamización
COORDINA: Rosa Martínez.
ORZAMENTO: Para a viaxe en
bus: 400 euros.
Os lugares visitados son de libre acceso.
3.4.2.
VISITA GUIADA AO CASTELO E XARDÍN BOTÁNICO DE SOUTOMAIOR. O MONTE DA PENEDA
DESCRICIÓN: Con esta
actividade pretendemos ilustrar cunha experiencia en vivo a actividade da horta visitando exemplares de
árbores vellas e algunha especie espectacular como a sequoia xigante. Tamén
veremos o bosque de fentos arborescentes e exemplares centenarios de abetos,
cedros, pitosporos e un longo etcétera.
Como se trata do xardín dun castelo medieval, iremos ver o castelo
por dentro e a ver que sorpresas creativas nos dan os rapaces nas semanas
seguintes á visita. Remataremos a actividade visitando o monte da Peneda, cunha
historia aínda máis lonxeva que o castelo medieval, pois hai constancia dun
vello castro reconvertido en fortaleza derrubada polos Irmandiños que volveron
erguer en forma de capela.
OBXECTIVOS: Poñer os alumnos
en contacto co legado botánico e patrimonial da Ría de Vigo. Fomentar o amor e
o respecto polas vellas árbores, aínda que non sexan autóctonas. Empezar a
recoñecer árbores polo seu porte, follas, froitos, cortiza. Dar a coñecer o
legado medieval de Soutomaior. Achegar a importancia do señor de Soutomaior na
Galiza medieval. Dar a coñecer o emblemático monte da Peneda.
DESTINATARIOS: Para 1º da ESO, os
máis implicados na horta.
COLABORAN: Dto de Xeografía
e Historia, Dto de Bioloxía, Dto de Galego, Dto de Dinamización.
COORDINA: Rosa Martínez
ORZAMENTO: A visita require
pagar entrada ao recinto e unha viaxe en autobús. 300 euros
3.4.3.
EMBARCACIÓNS E ARTES DE PESCA NO PORTO DE VIGO
DESCRICIÓN: Os alumnos
realizan unha visita guiada a media mañá durante dúas horas polos diferentes
sectores do complexo portuario de Vigo, descoñecido para a maioría da
cidadanía. Poden ver a lonxa, os peiraos
de atraque segundo o tipo de barcos, os tipos de redes. Fálanlles do tipo de
pesca: do día, de baixura, de altura, de gran altura. Dos grandes conxeladores,
dos bous, das bacas, dos palangreiros, do Gran Sol, de Grenlandia, de Boston. E
así entran en contacto co complexo mundo dun dos sectores económicos máis
importantes da cidade e do país.
OBXECTIVOS: Dar a coñecer
entre o alumnado a actividade do porto pesqueiro vigués.
DESTINATARIOS:Para 3º da ESO e
alumnado de Diversificación
COLABORAN: Departamentos de
Bioloxía, Galego. Dinamización e Porto de Vigo
COORDINA: Javier López Bermúdez
ORZAMENTO: Actividade
gratuíta para o centro, subvencionada polo Porto de Vigo.
3.5.REDE DE BITÁCORAS:
DESCRICIÓN: Os rapaces de 4º
deESO A, coa axuda da profesora de língua galega (actual coordinadora do equipo
de Dinamización), abriron hai uns anos
un blog por probar a experiencia, non tardou en nacer o blog de 4º B; como xa sabiamos como facelo foi doado que nacese
o blog do Departamento de Normalización que non tardou en sincronizarse coas
outras bitácoras normalizadoras do país. Mentres tanto fomos descubrindo outras
bitácoras escolares de Galícia e de fóra, mesmo demos con nenos galegos en
Londres que querían interactuar en rede con rapaces de aquí; de toda esta
experiencia acumulativa foi nacendo unha pequena rede de cadernos virtuais na
que o alumnado pode atopar todo tipo de materiais relacionados co curriculum
académico e con actividades de lecer e creación. A idea é seguir potenciando
actividades en rede. Este é o noso circuito doméstico:
http://carallocorou.blogspot.com/ para 4º e 3º da ESO e 1º e 2º de BACHARELATO
http://tirarrollas.blogspot.com/ inicialmente pensado para 4º e actualmente
operativo para 1º e 2º da ESO
http://galeguai.blogspot.com/ o caderno de Dinamización e Normalización, onde se van recollendo todas
as iniciativas normalizadoras tanto orais, como escritas, como visuais do noso
centro, doutros centros e de calquera entidade ou persoa que traballan en
Internet a prol do idioma
OBXECTIVOS :Potenciar o uso
do idioma, a opinión crítica, o acceso a materiais non editados noutros medios,
a comunicación coa Galicia exterior, a creación literaria e audiovisual, a
conectividade, o uso interactivo das novas tecnoloxías. Fomentar o uso do galego oral e escrito na
TICS. Fomentar a creatividade. Contribuír á presenza do galego na Internet.
DESTINATARIOS: De maneira directa
todo o alumnado e indirectamente para toda a comunidade educativa. O abano
ábrese para toda persoa que navegando na rede lle poida resultar de interese
calquera información recollida nos nosos cadernos e nas súas ligazóns
COLABORAN: De maneira directa
ou indirecta todos os departamentos didácticos do centro, as familias, todo o
alumnado e o colectivo de antigos alumnos do ROU.
COORDINA: Dto. Dinamización,
Rosa Martínez.
ORZAMENTO: Todo o investido
nesta actividade é ilusión e tempo.
3.6. OBRADOIRO PERMANENTE DE TEATRO
DESCRICIÓN: Por segundo ano
consecutivo, conseguise montar un pequeno grupo de teatro con alumnado de 1º,
3º, 4º da ESO. O grupo montado o curso pasado desfíxose por quedar sen o
alumnado de 2º de Bacharelato. O novo director é un compañeiro de claustro
interesado na actividade teatral. Están preparando a obra curta titulada O atraco, de José Moreno Arenas,
traducida ao galego. A representación será gravada en vídeo, de maneira que o
resultado será máis ben videoteatro, e non será a primeira vez que se probe
esta modalidade a cabalo entre o cinema e o teatro no nosos centro. Hai varias
experencias anteriores, pequenas montaxes
das que quedou algún rastro nalgún dos nosos blogs.
OBXECTIVOS: Dinamizar a lingua
oral. Descubrir talento interpretativo. Achegar o teatro como unha magnífica
forma de expresión. Facer do idioma a lingua vehicular dun espectáculo. Traballar
creativamente coas TICS.
DESTINATARIOS: Toda a comunidade
educativa
COLABORAN: Dtos de Galego,
Dinamización e o profesor de Bioloxía Javier López Bermúdez
COORDINA: Javier López
Bermúdez
ORZAMENTO: Para gastos de
posta en escena necesitaremos 400 euros
EQUIPO DE DINAMIZACIÓN
María Buela (Administrativa)
Domingo García Bartolomé ( Dto. de
Xeografía e Historia)
Rosa Romero (Dto. de Lingua Castelá)
Eliseo Martínez González (Dto. de Galego)
Antía García Hermoso (Dpto. de Galego)
Francisco Ogando ( Dto. de Tecnoloxía)
Pablo Lobato (Dto. de Bioloxía)
Javier López Bermúdez ( Dto. de Bioloxía)
Carmen Yunta (Dto. de Debuxo)
Cándido Carrera (Dto. Física e Química)
Rosa Mª Martínez ( Coordinadora)