martes, 20 de marzo de 2012

AS REGUEIFAS DO URUGUAI





Rebuscando nos apuntamentos do obradoiro de regueifas que neste curso fixeron os rapaces de 2º da ESO, conseguimos dar con algunhas pezas para que quede aquí unha mostra de como funcionaron. Algunhas quedaron niqueladas:



1. Palabras rima: FATAL / LABORAL

Este tema está moi mal
Este tema está fatal
O carallo deste tema
Este tema laboral


El estaba no traballo
E encontrouse fatal
Quería ir para casa
En xornada laboral


Teño dores de cabeza
E encóntrome fatal
Porque na miña familia
Hai problema laboral


Non che estou traballando
Porque me encontro fatal
Non sei se non collerei
Unha baixa laboral


Lévoche un día ben malo
Por non dicirche fatal
Teño que ir ao traballo
Pois é un día laboral


Disque as cousas do traballo
Hoxe en día están fatal
Pois todo o mundo se queixa
Da xornada laboral


Esta noite non durmín
E agora estou fatal
O pobriño do meu pai
Ten problema laboral


Nesta época de crise
O choio anda fatal
Todos buscando traballo
E hai reforma laboral




2. Verso final: ESTÁ TODO CONTROLADO


Agora teño un exame
Estou moi adurmiñado
Pero a miña mente dime:
Está todo controlado


Produciuse un gran incendio
Con seguimos apagalo
Eu díxenlle: ti tranquilo
Está todo controlado


Dei un golpe na cabeza
Encontreime mareado
E dixen para min mesmo
Está todo controlado?


Todiños na miña casa
Estabamos de traslado
Escacháronnos as camos
Está todo controlado


Onte fun á nova escola
E alí había uns pesados
Pero tratáronme ben
Está todo controlado


Estaba eu na miña casa
E fóra todo mollado
Atopei esta canción
Está todo controlado


Estaba eu moi enfadada
Pero pronto me animaron
Botáronme unha regueifa
Está todo controlado


Estaba na miña casa
E rompéronme os pratos
Tranquiliña, miña nai
Está todo controlado


Botáronme do traballo
E quedéichevos no paro
Pero xa volvín topalo
Está todo controlado


Estabamos nun incendio
Todo o mundo asustado
E chegaron os bombeiros
Está todo controlado


Eu estaba na igrexa
O cura medio drogado
Dixo con moito entusiasmo
Está todo controlado


Cando miña nai me rifou
Por chegarlle tan morado
Díxenlle eu con esmero
Está todo controlado








REGUEIFANDO QUE É XERUNDIO






O venres pasado, 16 de marzo, os regueifeiros do Uruguai fomos a Valadares á gran final de regueifas 2012. O salón de actos da Asociación de Veciños estaba petado. Había rapazada de todas as latitudes viguesas con pancartas, bombos, chifros, e moita gana de follón. Os de Coruxo arrasaron cun par de voces femininas que cantaban o improvisado de maneira case profesional. Quedamos impactadas! Os representantes do ROU botáronlle moita coraxe e imaxinación e non se deixaron amoucar por un  público que intimidaría ata ao máis arroutado artista consagrado polos medios. Quen fai esta crónica apenas puido clarearse para apañar ao voo e no medio dun estrondo xeral algunhas improvisacións . O ambiente era este:
http://youtu.be/YZwehX5eCG0 

Velaí algunhas:

Eu estábache na tenda
apoiei no mostrador
e pregunteille ao tendeiro
que vale este ordenador?



O cabalo está enfermo
leveino ao veterinario
dixen que tragaba auga
e chamoume ordinario



O meu cabalo está enfermo
xa non pode camiñar
mais confío en que un día
volverá de novo a andar



Onte ía eu pola rúa
e topeime cun marqués
e empezou a dicirme
ai, que morro de estrés!



Onte fun a Afganistán
e rebentaron a terra
tiven que marchar de alí
non aturo tanta guerra


Cada vez que abre a boca
a nosa amiga Lucía
adícanos unha regueifa
ela é todo poesía


Cando ía paseando
topei contigo, María
e decateime cantando
que eras todo poesía


Eu disfruto na cociña
gústame un mundo comer
menos mal que nunca empacho
ben sei eu como facer


Teño que apagar o móbil
o avión vai despegar
bótalle unha boa sesta
para podelo contar





E así polo estilo. A técnica é moi sinxela: arte menor e rima nos pares. O xogo consiste en dar palabras rimas, ou un 1º verso errante, ou un último verso ou calquera outra pauta para que empecen a agromar coplas e moitas variantes. O difícil é improvisalo alí no momento diante do público e dos contrincantes.
Non en van en Cuba se coñece esta actividade como repentismo.
Esta forma de literatura popular témola en común con moitas culturas ancestrais e en Galiza goza dunha marabillosa vitalidade. Hai vellos regueifeiros, auténticos mestres da improvisación e do desafío verbal e moitos espontáneos entre as novas xeracións. Como din en Portugal : pobo que canta non morre.


Reseñas na prensa: aquí  e aquí