PEQUENA CRÓNICA DO ASALTO E TOMA DO URUGUAI
Venres, 25 de setembro do 2015, ás 11 da mañá
Capitaneados por David Rodríguez Rivada, ex-alumno do ROU, profesor de música do IES Taboada Chivite de Verín, chegan da terra da chispa un cento de rapaces e rapazas con toda a artillería vocal, musical e corporal a punto para consumar a toma e rendición do Uruguai que capitulou sen condicións a esta posta en escena dun clásico dos 70: Manna Mia , en galego e cunha marcha electrizante. E esta é só a proposta do curso 2014-15. Hai máis.
O salón de actos dá cabida a todo o alumnado do instituto pero hai que levar cadeiras e asentos de todo tipo como nos vellos tempos e tamén están por aquí algúns profes xa xubilados que veñen disfrutar do labor innovador- recreativo- docente do que hoxe é compañeiro e non hai tanto un dos rapaces que corretaban arriba e abaixo polo noso centro.
Cóntanos David que para a realización do proxecto houbo que conseguir a colaboración de máis de 150 alumnos. A sincronización dese número de persoas é unha tarefa inmensa que nos deixa coa boca aberta. E o mellor de todo é que xa están matinando no musical que van montar neste curso 2015-16.
Parabéns de todo o equipo de dinamización do galego do ROU para o alumnado do Taboada Chivite de Verín pola iniciativa e complexísima realización deste musical versioneado ao noso idioma. Que fagades moitos máis e que sempre vos lembredes de vir por aquí e conquistarnos.
Nesta ligazón de youtube hai moitos fragmentos da obra, por se alguén quere repetir. En canto dispoñamos de imaxes da representación do ROU poñerémolas.
Benvidos ao curso 2015-16!