xoves, 23 de outubro de 2014

De Teis a Baroña








O pasado martes, 21 de outubro,  todo o alumnado de 1º da ESO en colaboración cos profes de lingua castelá, sociais e galego saímos ben cediño do insti para poñernos nun plis plas a andar polo fermoso camiño que baixa ata a praia e o castro de Baroña.. Aínda  non puxeramos os pés na praia cando enxergamos un pequeno grupo de estraños seres animados vestidos con roupa deportiva que divisaban o horizonte tentando chamar a nosa atención: eran un grupo de fuxidos do Uruguai que con pés alados chegaran á coroa do castro antes ca ninguén, seguro que sen fixarse que atravesaron un muro defensivo de varios metros de ancho, precedido dunha escaleira prehistórica feita a base de cachotes, inxenio e paciencia. Despois descubrimos o fermoso prado que rodea o cumio pola banda do mar de fóra e o sendeiro entre a herba que dá acceso á cima sen necesidade de facer escalada.
Tiráronse moitas fotos, vídeos e mesmo houbo algunha posta en escena improvisada inspirada na serie de tiras cómicas de Os Barbanzóns. Dous títulos están ao vos dispór na aula de Galego, un préstamo de Rosa Romero, a quen agradecemos unha vez máis a súa colaboración e entusiasmo.
Despois de Baroña, emproamos cara a vila de Muros, pero diso falaremos noutro momento, cando dispoñamos de máis material gráfico. Un saúdo megalítico, rupestre e pedreiro a todo o novo alumnado do Uruguai!