martes, 15 de novembro de 2016

Un magosto con xogos tradicionais


O venres, once do once, celebramos no Uruguai o magosto. Mentres se asaban as castañas empezaron as competicións de lanzamento de buxainas, saltos de gomas, saltos á corda, carreiras de sacos, paseos de zancos, captura do pano, mariolas a pé, mariolas con chapas, só faltaron as chaves e os pellos que non son fáciles de conseguir.

Dúas precisións léxicas:

1. A BUXAINA tamén é coñecida como trompo, sevillana, piringüela. E se imos a un dicionario de sinónimos encontramos moitas máis maneiras de chamarlle: bailarete, besbella, borracha, pamponella, panquente, panxadoira, peón, pimpioneta. En castelán din peonza.

2. A MARIOLA coñécese tamén como cento, mariquitiña, montecachurra, pé manquiño, peletre, truco. Hai outro significado para esta palabra referido a un peixe: a barbada, a bertorella ou a faneca barbuda.  En castelán cando se refire ao xogo chámase rayuela.

3. OS PELLOS son os discos de ferro compacto que se lanzan no xogo da CHAVE. Tamén reciben ese nome as pedriñas pas ou cachos de baldosa que se utilizan na mariola. Curiosamente, no dicionario máis groso que temos, non aparece esta palabra. No de sinónimos tampouco. Menos mal que na Galipedia hai un artigo sobre o xogo da chave e maí si se lembraron desta palabriña.





































mércores, 2 de novembro de 2016

DE CANDEÁN AO VIXIADOR


O pasado venres, 28 de outubro, os de 1º da ESO visitamos as monumentos funerarios máis vellas do país: as mámoas. 

 No roteiro dende Candeán ata o Vixiador demos cunha dúcea de mámoas, a maioría aínda están soterradas e só puidemos ver o túmulo que forman. Nun par de casos son visibles os bicos das pedras , E SÓ A PRIMEIRA DO PERCORRIDO SE PODE VER DESENTERRADA NA SÚA TOTALIDADE .

O máis chamativo do percorrido é o cemiterio privado que se ergue no medio do monte e que converte a metáfora literaria de Celso Emilio Ferreiro nunha realidade que supera toda ficción. Os propietarios do cemiterio son tamén donos dos terreos que circundan a "urbanización", neles hai catro mámoas de acceso prohibido  que están en serio perigo de caeren no esquecemento e na desaparición por desmontaxe. 

SALVEMOS AS MÁMOAS DE CANDEÁN!

Alén das mámoas, tivemos o privilexio de andar sobre un chan alfombrado de crocus,  unha especie de azafrán salvaxe que florece coa chegada do outono. Incluiremos esta especie nas nosas pesquisas hortícolas e tentaremos conseguir bulbos cultivados para a horta.
 

Deixamos imaxes da saída