xoves, 4 de xuño de 2015

Así cantamos, así, así





Con motivo da celebración das letras galegas, a nós deunos por practicar as formas básicas da literatura oral. Cada alumno fixo unha ou varias coplas, inspirándonos na melodía do Uah! de Suso Vaamonde. As letras saíron moi ben, pero á hora de cantalas como que non daban saído, así que decidimos rapealas poñéndolle coro ao retrouso. E así quedou a cousa. O vídeo quedou escaso de volume, así que haberá que darlle ao máximo ao son. As fotografías finais son do xardín nos últimos días de maio. Agradecementos ao alumnado de 1ºA, que colaborou sen restriccións.

luns, 25 de maio de 2015

LIRIO, FLOR DE LIS




O socalco de bloques está a rebentar de formas e cores. Un auténtico cadro vivo. Xa abriron os lirios ou flores de lis. Paga a pena acercarse e ollar os pétalos cunha lupa, hai unha explosión cromática  única. Esta é unha variedade de xardín, da familia das iridiáceas, que poder florecer na gama das azuis, lilas, brancas ou amarelas.






Flores del Lirio Amarillo (Iris pseudacorus) Esta é unha variedade salvaxe que medra espontánea e ventureira en terreos húmidos e sombrizos. Chámanlle Iris pseudacorus. En Galiza coñécese como lirio amarelo e medra abundantemente en terreos asolagados por ríos, regatos e regueiros. E como nós estamos no país dos mil ríos, é doado atopala en primavera no seu hábitat.

Tamén plantamos bulbos nun dos xardíns interiores ao que se accede polo obradoiro, e estes tamén floreceron no medio do prado.

 A combinación cromática lila+amarela era moi estimada por Van Gogh, posiblemente reparou nela observando os manchos de lirios azuis e morados nos xardíns campesiños da  Provenza.

 
http://es.wikipedia.org/wiki/Lirios_(Van_Gogh) 

 E aquí deixamos un deseño baseado na flor de lis que foi moi utilizado na heráldica europea, sobre todo na francesa. Non é fermoso?




venres, 22 de maio de 2015

ABREN OS PRIMEIROS LIRIOS ORIENTAIS











  No socalco experimental feito con vellos bloques de cemento estase operando unha transformación prodixiosa grazas á colaboración dunhas sementes de chícharos e uns poucos bulbos...... e continúa,  porque están empezando a abrir os lirios morados que os deixamos esta fin de semana xusto a piques de.

FESTIVAL DA LINGUA 2015: A copla de maio




Sen dúbida, a gran aportación do alumnado este ano 2015,  foi ese arranque copleiro que percorreu as aulas de galego e chegou ata o escenario do salón de actos. No vídeo pódense oír unhas cantas coplas elaboradas polos de 2º da ESO,  seguindo a melodía da Carolina. 

Os de 1º da ESO non chegaron a tempo de cantalas no evento pero tamén realizaron coplas co tempo xusto de penduralas do maio. Algúns resultados xa están publicados no tirarrollas e outros están aínda inéditos, pendentes de ensaio xeral.

 


Aquí queda un avance en versos hexasílabos ao estilo do famoso poema de Curros musicalizado por Luís Emilio Batallán




Hai máis imaxes do evento no blog de Rosa Romero 
a quen agradecemos unha vez máis a súa entusiasta colaboración.
                    

martes, 12 de maio de 2015

VÍDEO CESTO MILCORES







CESTO MILCORES


O autor do cesto é Modou de 2º da ESO, que realiza este ano o segundo curso de cestería en papel de xornal os mércores pola tarde. El foi capaz de montar só, cunhas sinxelas explicacións previas, este prototipo de base cadrada. Quedoulle un pouco ondeante por cuestións técnicas que non imos pormenorizar, pero co acabado en cores o resultado dá para felicitalo. Noraboa, Modou!