martes, 12 de maio de 2015

PROGRESO DOS CULTIVOS. PRIMAVERA 2015




ALLOS: Están en terra desde o mes de novembro, pero faltoulles sol. Haberá que agardar polas calores da primavera para que acaben de madurar. Levantamos un e están moi pequeniños.




BRÉCOL: Preciosa planta lista para comer, algúns exemplares están florecendo e non tardarán en producir sementes para o ano.


Prenderon as sementes das CABAZAS ALARANXADAS botando dous enormes cotiledóns.


CHÍCHAROS, guisantes, ervillas. Algunhas plantas xa deron vaíñas e os grans recén collidos, crus, están deliciosos


LAVANDA, azaia, rosmariño. Moi arrecendente, é o primeiro exemplar desta especie aromática e medicinal que plantamos na horta. Está no redondel da maceira, ben protexido por pedras.



LEITUGA  E CEBOLAS: en pouco máis dun mes puxéronse así. Empezamos a levar leituga para casa e todos din que están moi boa. Queda por medrar a leituga negra e a xaspeada.




MORODOS: listos para comer




RAVOS: Completaron o seu ciclo moi rapidamente. Fíxose a sementeira no mesmo campo e desenvolveuse un prado sen problemas. Algúns exemplares xa están florecendo, deixarémolos para a semente.


TORMENTELO, tomiño. A mata que plantamos o ano pasado floreceu este ano por primeira vez. Aquí aparece rodeado de menta. 



ABONO ORGÁNICO que se foi facendo na composteira ao longo de todo o inverno.



luns, 11 de maio de 2015

AS VOLTAS QUE DÁ UNHA ESPIRAL


Podemos dicir, non sen certo alivio, que concluímos a primeira fase da espiral de plantas aromáticas. 
Polo de agora temos un bancal improvisado de dous niveis,  recheo con todo tipo de materiais procedentes da horta: ramallada, terróns, terra mesturada con abono, herba cortada co fouciño, herba picada co cortador de relva, algunhas pedras e pouco máis. O muro da base está integramente realizado con tella plana que nos deron Domingo e Pablo. 
A única planta firmemente enraizada é a xarxa, a partir dun esquexe do exemplar que plantamos o ano pasado. O resto de plantiñas: menta, tomiño, cilantro, néboda, ourego, están soamente ubicadas no lugar que van ocupar na espiral pero aínda en maceta,  para ver que tal se van adaptando. Agradecementos a Concha por conseguir exemplares tan fermosos e traérnolos. 
De aquí a fin de curso dános tempo obsevar como se produce a aclimatación ao sitio que lle demos a cada especie;  se hai problemas, poderemos facer os cambios necesarios ata que todo prenda como é debido. Están aínda por sementar as caléndulase o pirixel. O xenxibre está empezando a agromar no obradoiro. 

Parabéns e agradecementos a todo o alumnado e profesorado que colaboran neste experimento iniciado no outono 2014 e que todos cumpramos moitos máis!








martes, 5 de maio de 2015

BACTERIOGRAFÍA






                                Paisaxe bacteriana despois de secar a pel da cabaza.

mércores, 29 de abril de 2015

TRECE BADALADAS


O martes, 28 de abril,  alumnado de 3º e 4º da ESO participou nunha actividade ofertada polo concello que vira en torno ao cinema e a literatura.
A novela de Suso de Toro Trece badaladas foi levada ao cine con máis ou menos variacións no guión, e cunha maxistral interpretación de Luís Tosar. Á final da proxeción houbo un pequeno coloquio en que participaron alumnos e profesores acompañantes









venres, 24 de abril de 2015

BASES DO CONCURSO DE CREACIÓN LETRAS GALEGAS 2015

 

CONCURSO DE CREACIÓN LETRAS 
GALEGAS 2015



PARTICIPANTES: todo o alumnado do ROU interesado, en calquera destas categorías:
    Categoría A: 1º,2º,3º de ESO
    Categoría B: 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato



MODALIDADES:
  1. Poesía: extensión máxima de 60 versos
  2. Relato curto: máximo 4 folios por unha cara
  3. Vídeo: Un traballo por concursante ou grupo.



Vídeo: Formato AVI. Unha vez tesmontado o vídeo tes que edítalo e cando o edites, escolles o formato; Procura que sexa pequeño e coa máxima calidade.
    Duración máxima: 5 minutos
    Tema libre
    Lingua vehicular: galego
Remitir por e-mail a tirarrollas@gmail.com



  1. Rap: un traballo por concursante. En caso de ser un grupo, máximo catro persoas
  2. Cartel: temática referida  ás Letras Galegas
  3. Banda Deseñada. Extensión entre unha e tres caras de folio



TRABALLOS: deberán ser orixinais e inéditos e en lingua galega. Cada concursante só poderá participar cun traballo en cada modalidade.



TEMA E FORMATO libres: os datos do concursante (nome, apelidos e curso) irán nun sobre pequeno. Nun sobre grande meteranse o traballo a concurso, asinado con pseudónimo e o sobre pequeno cos datos. No exterior do sobre grande aparecerá o pseudónimo co que se asinou o traballo.




PREMIOS:
Categoría A: 30 €
Categoría B:  40€



PRAZO: data límite 9 de maio. Non se admitirán traballos fóra de prazo



XURADO: profesorado e persoal non docente.Os gañadores e gañadoras daranse a coñecer na celebración das Letras Galegas no salón de actos do ROU, o 15 de maio.
O xurado poderá determinar deserto o premio por considerar a falta de calidade.
A participación no concurso implica a aceptación destas bases.
Entrega de traballos: profesores de Lingua galega
Os gañadores farán públicos os seus traballos o día da entrega de premios no salón de actos.








mércores, 22 de abril de 2015

XA TEMOS OS PRIMEIROS CESTOS EN PAPEL DE XORNAL



















Por segundo ano consecutivo, o alumnado de 1º da ESO participa no obradoiro de reciclaxe realizando un curso básico de cestería tradicional en papel de xornal. Os acabados e o tipo de cestos teñen lixeiras variacións con respecto ao curso pasado. Aprendemos a mesturar os rolos de papel de xornal con elementos vexetais. Ampliamos o repertorio de materiais e deseños para pintar os cestos.  

As pezas acabadas podedes velas penduradas do teito do obradoiro durante os recreos e todos os mércores pola tarde de 4:30 a 6:30. O obradoiro está aberto para o alumnado e as familias, así como calquera veciño interesado.

QUEN FAI UN CESTO FAI UN CENTO!